Opinión

Abolir a prostitución

Hoxe é o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos.

É un día para alzar a voz contra unha das formas máis graves de violencia e vulneración de dereitos humanos.

Os datos son alarmantes. Segundo Nacións Unidas, o 96% das vítimas son mulleres e nenas, sendo moitas delas menores de 18 anos. Sinala este organismo internacional que España é un dos países onde maior é a porcentaxe de mulleres e nenas prostituídas. Falamos dun 39% de homes que acudiron á prostitución polo menos unha vez na súa vida.

Nos últimos días coñecemos un avance no primeiro macroestudo realizado no noso país que estima estatisticamente o tamaño da poboación de mulleres e nenas vítimas de trata, explotación e prostitución, amosando a vergoñenta cifra de 114.576 mulleres en situación de prostitución. Non é doado obter datos dada a clandestinidade e dificultade para ter as cifras reais que seguro amosarían un número moito maior, pero, este dato aproximado xa é arrepiante.

"A liberdade e a igualdade das mulleres é incompatible coa súa explotación como obxectos de consumo"

Así que faise obrigado fortalecer o marco legal que permita a persecución efectiva do proxenetismo e a protección das vítimas.

É urxente aprobar unha Lei Integral Contra a Trata e a Explotación de seres humanos cunha clara perspectiva abolicionista.

Amósome contundentemente a favor de eliminar a prostitución xa que a liberdade e a igualdade das mulleres é incompatible coa súa explotación como obxectos de consumo. Declaro a miña oposición total aos posicionamentos regulacionistas. A escravitude de mulleres e nenas debe ser abolida. É absolutamente falso que exista libre decisión das mulleres prostituídas. A prostitución e a trata son dúas caras da mesma moeda. Non hai trata con fins de explotación sexual sen a existencia dun sistema que normaliza a compra-venda de corpos onde as mulleres e as nenas son as vítimas. Non podemos obviar que esta realidade terrible está directamente vencellada á pobreza, á desigualdade e a falla de oportunidades.

Falamos dunha violación dos dereitos humanos e dunha ameaza directa á dignidade, á liberdade e á integridade das mulleres e nenas e debe ocuparnos a todos, a toda a sociedade.

Por iso, este 23 de setembro alzo a miña voz pero, tamén, expreso a urxencia de “abolir a prostitución” e erradicar a trata con fins de explotación sexual que son claves para garantir unha sociedade verdadeiramente igualitaria e libre de violencia. Avogo por unha sociedade onde o corpo e a sexualidade das mulleres non sexan obxecto de compra-venda e onde as xeracións actuais e futuras se desenvolvan nun mundo máis xusto, libre de explotación.

*Primeira tenente de alcalde e concelleira da área de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents