Opinión | Que din as rumorosas?
Setembro, a repesca do tempo

Unha persoa pasea por unha praia protexida por un paraugas / Kai Försyerling (EFE)
A vida estoura na primavera, ou así adoitaba ser, contaranlles aos seus netos os nosos descendentes, nos tempos en que o cambio climático aínda non toleara o tempo nin desacreditara a sabedoría meteorolóxica amoreada durante xeracións e destilada en refráns. Porén, a vida reinicíase sempre cando os días son máis curtos, ou van de camiño, e as noites se alongan: en xaneiro e en setembro nestes lugares do mundo.
Aos nosos pés, ou enriba das nosas cabezas, segundo se mire, porque no universo non hai enriba nin abaixo nin adiante nin atrás, habitan continentes que contan as horas para que se faga a luz e o inverno lle ceda á primavera a testemuña da responsabilidade de manter a roda da vida en movemento. Mentres, onda nós, as árbores con data de caducidade comezarán axiña a se renderen para deixar que o frío esvare polos seus ombreiros nus de calqueira abrigo e apagaranse ata que a calor volva premer o interruptor da resurrección.
Malia que nestas latitudes irá proliferando o fume nas chemineas de xeito directamente proporcional á velocidade con que avagan as horas, setembro é o mes elixido para renovar os nosos votos co ano. Non importa que este xa vaia ben avanzado, que consumísemos sen case decatarnos dúas terceiras partes do cupo teórico que lle asignamos ao nacer: aqueles de nós que non o fixemos ben á primeira e que fomos aprazando os inalcanzábeis propósitos de emenda día tras día poñendo candeas no altar da procrastinación, agora temos unha segunda oportunidade para redimirnos e estrear libros e obxectivos e para tentar botarlle un pulso ao destino, á inconstancia ou á balanza. É, como antano para os estudantes, o mes das recuperacións.
Cando na revolución francesa ousaron rebautizar os meses, tanto era o que querían cambiar, a setembro chamáronlle fructidor, polos froitos dourados polo sol e maduros, dignos de recolleita, pero hoxe en día é un horizonte no que sementar ilusións e novos proxectos e coñecementos, por iso adoitaban proliferar nestes tempos os anuncios de cursos e de coleccións. É tamén cando a rapazada comeza a escola e nos seus cadernos aínda é factíbel escribir un mundo, a poder ser sen grallas; e o fenómeno ata se estende á política: fálase de novo curso, se cadra porque ás persoas responsábeis das cousas de todos se lles presupón capacidade de aprender e de corrixir outro tipo de grallas, as que emborranchan a sociedade.
Pero o prezo para que algo comece é que o anterior remate. En setembro despídense nas cancións os amantes de amores efémeros de verán e comeza un longo adeus ao azul do mar, ás nubes de algodón de azucre postas no ceo para decorar e ás toallas de praia, ás sandalias, aos ollos cegados polo sol… Ata os paxaros marchan. E, nun bíblico milagre, os parasoles transfórmanse en paraugas.
Suscríbete para seguir leyendo
- El radical cambio físico de Iogur días después de ser devuelto a la protectora de Tui tras una adopción fallida
- Localizan en un albergue de A Coruña a la mujer que se buscaba desde ayer por mar y aire en Rande
- «Conducir en Vigo es como jugar al juego del calamar»: el vídeo viral de una mujer cogiendo esta mítica rotonda al revés
- Marián Mouriño: «Siendo niña llevábamos las partes del cerdo para hacer el cocido en México»
- Juicio por presuntos abusos tras una boda en Nigrán: «Sí que te metí mano; qué asco me doy»
- Registros en Ourense y Xinzo en una causa secreta con 4 detenidos y un espectacular despliegue de la Guardia Civil
- El mejor café de España se prepara en Vigo, un año más
- «Una mujer no pinta nada en un barco, solo dais problemas»