Opinión | Crónicas galantes
O Apóstolo, santo inmigrante

Imaxe do apóstolo Santiago, no altar da catedral compostelá. / Antonio Hernández
Poucos santos haberá máis inclusivos que o Apóstolo ao que hoxe se festexa imparcialmente no Día da Patria Galega e no do Patrón de España. Ou viceversa, que iso vai nos gustos de cada quen. A maioría dos galegos, xente de coñecida tolerancia, non atopan polo xeral contradición ningunha entre unha cousa e outra. O caso é que haxa festa.
Son as vantaxes de ter un santo multiusos, tan propio dun reino coma este onde os veciños aseguran que Deus é bo, pero non por iso o demo ten que ser necesariamente malo. Nesa pericia para reconciliar aos contrarios advírtese a fonda galeguidade do Apóstolo que lle da nome á capital deste reino, por máis que o Santiago inmigrante chegado desde Haifa sexa só galego de adopción. Como tantos.
Santiago é quen de amigar mesmo aos irreconciliábeis seareiros –ou forofos– do fútbol. A súa cruz apostólica protexe por igual ás camisetas do Celta, do Racing de Ferrol e, naturalmente, do Compostela, que anos atrás conseguiu a milagrosa ascensión aos ceos de Primeira grazas, se cadra, ao seu alto patrocinador. O Deportivo prescinde dela, pero é que este país incluínte acepta tamén aos herexes.
Discípulo de Cristo, Fillo do trono (o de tronar, non o de sentarse) e popular lanceiro contra os sarracenos na fantástica batalla de Clavijo, o Apóstolo serve a case calquera propósito que un poida imaxinar.
Tal día coma hoxe, por exemplo, é costume que os persoeiros con mando en praza se axeonllen diante de el para pedir que lles bote unha man co paro, o déficit público e o que for mester. Presidentes de esquerda e de dereita aproveitaron durante os últimos anos a data do 25 de xullo para darlle a turra coas súas demandas ao pobre Santiago. Impávido como a imaxe que o representa na catedral, o Apóstolo terma do que lle digan sen pronunciar palabra.
Fóra deses actos oficiais, nunha praza anexa á Sé apostólica, os devotos da Patria Galega organizan a súa festa particular na que o habitual é que se fale da nación e outros asuntos concomitantes.
"Aquí cabemos todos, e se non fora así, xa iremos facendo sitio"
Tamén nisto a sociedade mudou cos tempos. Si a nación era antes un espazo xeográfico i étnico pechado, agora seica haberá que buscala neses nenos africanos de Burela e outras partes do país que responden con toda naturalidade “son galego” cando algún curioso se interesa pola súa orixe. Alá pola costa de Lugo enraizaron hai xa decenios os de Cabo Verde, o que da fe das virtudes inclusivas do Apóstolo. Non todo vai ser fútbol ou política, ho.
Outros, se cadra máis antigos e resesos, entenderán que a nación só se define polas fronteiras, a raza e os cadeados. Raros coma o Apóstolo, os galegos van chegando máis ben á conclusión de que o seu pequeno país é en realidade un mundo de acollida. Nada máis natural se se fai conta de que Santiago de Zebedeo foi, segundo a lenda, un dos primeiros inmigrantes arribados a Galicia.
Tan integrador é o bo Santiago que mesmo acepta compartir o seu 25 de xullo co 17 de maio, que tamén é festa nacional neste lugar de seu entregado á literatura e á ficción. Aquí cabemos todos, e se non fora así, xa iremos facendo sitio. Como seica llo fixemos hai tantos séculos ao noso cosmopolita Apóstolo.
Suscríbete para seguir leyendo
- El juez instructor del caso Asunta reacciona a la novela de Alfonso Basterra: 'Es muy triste que haya usado a su hija
- La segunda salida de tono del conselleiro de Sanidade: cuestiona la importancia que se le da a la salud
- ¿Tienes mascotas en casa? Así podrás deducirte sus gastos de la declaración de la renta
- Un popular tiktoker catalán se rinde ante la afición del Celta: «Cada vez que vengo a Vigo...»
- El vigués que triunfó en el QIR: «Estudiaba de lunes a sábado y, el último mes, sin descanso»
- Detenido un hombre en Vigo tras desaparecer cuatro días con su bebé y agredir a su pareja
- La pareja de Feijóo pide una concesión hasta 2037 del acceso desde su casa a la playa de O Con
- La madre de Anabel Pantoja «no quiere saber nada» de David Rodríguez: «Se ha enterado de que en la declaración...»