Opinión | Segunda Feira

Do Vigo románico

Hai anos tiven a ocasión de visitar o Museo Nacional de Arqueología, en Madrid. Na mesma sala, amosábanse unhas columnas medievais procedentes do mosteiro compostelán de Antealtares e mais a talla do Salvador que sempre se considerara relacionada coa fregresía, con sede cambiante e fuxidía na memoria, de Santiago de Vigo. Francisco Xavier Ocaña Eiroa, máxima autoridade en arte románica viguesa e galega, tense ocupado, alén de outros varios temas entrelazados, desta figura que representa a Cristo so a advocación de Salvador.

A parroquia medieval de Santiago de Vigo coñeceu, seguramente, diversos emprazamentos até que tivo definitivo acougo no actual templo neogótico que o clero chama, sen ser seguido polo pobo, “Santiago el Mayor”. Acabo de saber que as autoridades españolas do Patrimonio Artístico vanlle entregar a Compostela (non sei a que entidade) as belas columnas do que foi convento de Antealtares. Pero non hai información na prensa do que se fará co seu conxénere, e veciño de museo, o Salvador de Vigo.

"A talla do Salvador correu os chambos e tratantes de antigüidades até que foi destinada ao Museo Arqueológico de Madrid"

Este altorreleve amosa unha figura lanzal de varón (162 cms. de altura por 33 de groso) esculpida “en mármore do país” e preséntanos un Cristo triunfante en actitude tópica de Salvador do Xénero Humano, diciamos. A cabeza aparece inscrita nunha aureola na que se percibe a cruz grega. Loce un cabelo cumprido e a face áchase desfigurada polas inxurias do tempo. Cunha man sostén o Libro, e, coa outra, adopta o xesto ritual da alta benzón, cos dedos furabolos e longo extendidos. A figura viste rico manto coas beiras, se cadra, de brocado, que se fecha sobre os xeonllos e deixa ver, por unha racha intencional, o brial que sería de fino sirgo. Os pés xuntos permiten percibir calzas amitonadas e unhas dedas ben marcadas polo escultor detallista. Imaxinamos o releve dentro dun amplo conxunto escultórico iluminado pola policromía, tal como debeu de brillar cando era obxecto artístico destinado á veneración e á propaganda dogmática.

Despois de aparecer emparedado nun van do antigo Hospital Militar de Vigo, segundo informa o erudito Oviedo y Arce en 1916, este Salvador correu os chambos e tratantes de antigüidades até que o resgatou, coido que por influencia de Sánchez Cantón, a Junta Superior del Tesoro Artístico en 1948. Daquela, a peza foi destinada ao Museo Arqueológico de Madrid no que se conserva até o día de hoxe. Esta bagatela non ten outra intención que a de reclamar para Galicia e para Vigo tal obra senlleira a fin de ela pasar os seus séculos futuros no lugar de onde procede.

Suscríbete para seguir leyendo