Opinión | tRIBUNA LIBRE

Beatriz Rey Domínguez

Moción cidadá: un quero e non podo

Hoxe é un día triste para a democracia de Lalín. Porque que é unha democracia? Acaso non é unha forma de goberno na que a soberanía pertence ao pobo, que elixe aos seus representantes mediante eleccións libres?

Por un lado, animamos a que a cidadanía se implique no funcionamento do Concello pero, por outra banda, coartamos toda acción veciñal, a pesar de seguir os cauces correctos e marcados pola corporación municipal. Se a soberanía pertence ao pobo e iste é quen presenta unha moción para que os seus representantes a debatan en pleno, por qué se decide que non se fai?

Sendo certo que a potestade de incluila é só do alcalde de Lalín, non deixa de ser certo que hai un protocolo aprobado dende hai case 10 anos que reflicte claramente os pasos a seguir para poder presentala e que se debata. Entre eles, que deberá incluirse no pleno posterior ou seguinte a súa ratificación. Non é culpa miña que non fixeran un regulamento despois de aprobala. Aínda así, haberá que respectar o que se aprobou nese pleno de 2015. Ou é que o que se aproba nos plenos non serve de nada?

O motivo que alegan dende o goberno municipal é que este tema, a implantación da zona azul, a inseguridade vial e a escasez de aparcadoiro para a veciñanza da rúa Areal, non é algo prioritario. Non ten o interese suficiente como para ser debatido nun pleno do Concello de Lalín... agora. Agora, que é cando o necesitamos falar. Agora, que é cando temos os problemas. Agora, que é cando se pode solucionar o problema de visibilidade á saída dos garaxes antes de que suceda unha desgraza.

“Poida que, ao mellor, noutro momento do mandato...” Cando todo o mundo o esqueza e non quede ánimo para pelexar. Porque diso se trata: de menoscabar o ánimo da xente para que non intentemos nada. E, non, señor Alcalde de Lalín, aquí non hai ninguén por detrás, non hai pensamentos nin tramas enrevesadas. Aquí só hai máis de 400 veciñas e veciños de Lalín, que queremos que se nos escoite e se teñan en conta as nosas demandas.

E, precisamente, porque non queremos xogar coas cousas de comer, presentei esta Moción Cidadá. Porque non hai que xogar cos cartos da veciñanza, obrigada a mercar ou alugar unha praza de garaxe para poder deixar o coche sen ter que estar mirando o reloxo con medo a que lle poñan unha multa. Porque eliminaron moitas prazas de aparcamento e non queren falar cas veciñas e veciños de propoñer unha zona verde para nós. Porque, cando teña que saír do garaxe e non vexa a carretera porque os coches mo impidan e teña a desgraza de ter un accidente, farase cargo o Concello do arranxo do meu vehículo ou das lesións físicas que o accidente poida ocasionarme? Atenderá entón a petición de elementos de seguridade vial e visual para a rúa?

Con esta resposta, están rexeitando á veciñanza que non pensa coma eles. Porque, si, como non se cansan de repetir pleno tras pleno, conseguiron “unha ampla maioría absoluta”. Pero iso non lles dá dereito a pasar por riba de ninguén, nin de non falar cas veciñas e veciños, nin este grupo de goberno é máis ca ningunha das persoas empadroadas en Lalín, que pagan os seus impostos e fan cidade aquí.

Parece que se lles esqueze que gobernar en maioría non é facer oídos xordos ao que o pobo disconforme lles está dicindo. É gobernar para que todas e todos poidamos sentirnos orgullosas e orgullosos de vivir en Lalín e de sermos representadas e representados por concelleiras e concelleiros que miran máis alá dos seus votantes e traballan polo total da veciñanza.

Dicir que este tema non atinxe a moitas persoas é, polo tanto, non merece ir a pleno é resposta de mal pagador. Seguindo a súa afirmación, a zona azul non se debería implementar nunca na rúa Areal porque os comerciantes que a solicitaron (para iso o Concello si que tivo a ben ser moi resolutivo) son unha minoría moitísimo máis pequena que as veciñas e veciños que asinaron a Moción Cidadá en contra da zona azul.

Tal vez a frase de “un Deus para min e outro para o veciño” é moi acaída nesta situación. A Moción Cidadá presentada o 9 de maio de 2024 foi a primeira na historia de Lalín. A resposta que dá o Concello de Lalín non está á altura deste pobo.

*Veciña da rúa Areal de Lalín