Opinión | Os camiños da vida

Morte e represión en Tui

Monumento aos represaliados na Alameda de San Domingos, en Tui.

Monumento aos represaliados na Alameda de San Domingos, en Tui. / FdV

Na Historia de Galicia van unidos dous episodios dun mesmo acontecemento ocurrido en 1936: o triunfo do SI no plebiscito do Estatuto e máis o das candidaturas do Frente popular (FP) en toda a Nosa Terra. Os militares feixistas non se sublevaron até o 20 de xullo, días despois de tomaren o poder nunha parte de España. O cal abriu o período de Guerra Civil que, entre nós e en todo o territorio controlado polo franquismo, supuxo a aniquilación de canto significase Democracia e República.

O verán galego izou as cores da bandeira de Falange. E o terror e a raiba instaláronse nos corazóns leais ao tempo en que cundían as prisións, os roubos, os asasinatos e toda forma de represión. Todo isto especialmente estivo dirixido contra as persoas e cargos pertencentes ao FP: socialistas, galeguistas, comunistas, republicanos de esquerda, alén dos anarco-sindicalistas e xente non adscrita. As zonas fronteirizas con Portugal non resultaron aliviadas dada a connivencia de Salazar con Franco.

Destas cousas trata a exposición “A nosa memoria democrática”, organizada pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado e a Louriña, aberta na Área Panorámica de Tui que hoxe leva con orgullo o nome de Francisco Sánchez, filósofo escéptico do Renacemento. A comisión tamén nos convoca ao acto conmemorativo da inauguración do monumento á memoria dos represaliados que é obra de Silverio Rivas. Este áchase emplazado na Alameda, un dos lugares preferidos polos falangistas de Tui para fusilaren republicanos.

Compre lembrar que, moi pouco tempo despois da morte de Franco, houbo homenaxe pública aos asasinados de Tui, e non só. Tras dunha misa insospeitada no altar maior da catedral, os asistentes que enchían as naves da Sé, trasladáronse a Alameda onde depositaron flores nun silencio emocionado. Cando piscaron os coches da Policía, ou da Garda Civil, a concorrencia foise esparexendo para se reagrupar ao pé dunha barronca solitaria. “Aquí explicou, Pedro Díaz, historiador e bon prosador, os feixistas destruíron unha estatua de Sócrates coa inscripción: Eu son coma o tabao sobre a pel do pobo”.

Sábese que fora esculpida polos alumnos do instituto local de Tui so a dirección de Bieito Prieto Coussent, artista e profesor de debuxo, que tamén sería preso naquela hora de ferro. En 1990 ergueuse o monumento á memoria dos represaliados cuxo 25 aniversario conmemorou Tui o domingo 26 de xuño.

Suscríbete para seguir leyendo