Opinión | Segunda Feira

Incluídos no Grande Relato

A Batalla de Rande para os galegos, e de Vigo para outros, enfrontou, o 23 e 24 de outubro de 1702 as forzas navais de España e de Francia contra as armadas británica e holandesa. O escenario foi a enseada e fondo da nosa ría que coñecemos por San Simón e na que sempre ecoa o son senlleiro da cantiga de Meendiño. Tratabamos algo disto na nosa anterior columna. É sabido e difundido en todo o mundo, que os buques españois levaban estibados nas adegas grandes tesouros procedentes dos virreinatos da América. Houbo unha testemuña excepcional do acontecemento: o oficial do exército de terra de Felipe V e fidalgo galego, Anselmo Feixóo Montenegro, irmán do Padre Feixóo, que estaba, daquela, servindo na garnición de Vigo e asistiu, desde terra, á batalla.

"Este Pranto da frota, por unha ninfa galega ten, ademais do propio valor literario, o anecdótico de introducir o nome de Vigo, e con el o de Galicia, no Grande Relato do Imperio Británico"

Sentiu raiba perante a desfeita, o que o levou a escribir uns versos moi soltos e en galego so o título de Pranto da frota, por unha ninfa galega. Ninfa, obviamente imaxinada, que non oculta ser a voz deste home nado na Granxa do Mato (Allariz), casa petrucial dos Feixóo Montenegro. A atribución fora moi ben razoada por X. M. Álvarez Blázquez. O poema, nun galego ricaz que lle fornece rimas inagardadas, aínda que ás veces violentas, vai dunha introdución vertixinosa a un desenlace asombrecido pola desfeita. Comenza así: “Porque sempre algún malsín, / tacha a miña boa lei, / déixenme chorar sin fin, / desgracias en que nacín / na lengua en que me criei”. Para acadar o climax nunha especie de anticipación das pinturas prerrománticas que teñen como tema episodios de guerra naval: “Máis lágrimas derramei / cando a frota se queimou. / Mirei, mais nada mirei / porque o moito que chorei / ambos ollos me cegou.../ Mirei as naves arder, / vin volto volcán o mar; / homes no aire correr, / leños no fogo nadar”.

Lembren que, neste poema non chora un soldado por moi impedido que estea para a acción. Chora unha ninfa, filla de Tetis e de Océano coma todas as ninfas atlánticas o son. Ademais, o oficial Anselmo Feixóo xa viña demostrando suficiente valor na to Guerra de Sucesión borbónica, á que aportou tamén homes e cabalos da casa. Estas quintillas, xunto con outros moitos textos, son mostra de que os chamados séculos escuros da literatura galega non o foron tanto como se leva dito. Este Pranto da frota, por unha ninfa galega ten, ademais do propio valor literario, o anecdótico de introducir o nome de Vigo, e con el o de Galicia, no Grande Relato do Imperio Británico e o de contribuír á creación da lenda dos galeóns de Rande. En Vigo Street de Londres supoño que segue coas portas abertas o Vigo Bar que ten sorprendido numerosos viaxeiros procedentes de Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo