Opinión | Os camiños da vida

O Nautilus en Vigo

Escultura adicada a Julio Verne, xunto ao Real Club Náutico de Vigo.

Escultura adicada a Julio Verne, xunto ao Real Club Náutico de Vigo. / Elías Regueira

O pasado Día Mundial dos Océanos, eu ordenei de ir ao Paseo de Afonso por mirar ao lonxe Á vista das Sías, asaltoume a memoria o submarino do capitán Nemo entrando á ría de Vigo. Faríao pola Boca Sur, pois viña, ao largo, costeando Portugal. Na novela Vinte mil leguas baixo os mares, o capítulo VII, que é clave, titúlase “A baía de Vigo” (o francés aínda non aceptara o galeguismo xeográfico ría). Ábrese o capítulo cun eloxio do Atlántico no que latexan reminiscencias dos Finisterrae bretóns, británicos, irlandeses e galegos. No citado capítulo, o lector embebédase co relato da Batalla naval de Rande, ou Batalla de Vigo, que Nemo lle fai ao seu hóspede e prisioneiro, profesor Pierre Aronnax do Muséum de París. Este narrador en primeira persoa descríbelle ao mundo lector de Jules Verne (1828-1905) moreas de lingotes de ouro no fondo da ría e nos ventres abertos dos galeóns de Rande. Riquezas que os homes do Nautilus van traspasando no submarino. Tal tesouro será repartido entre todos os lugares do planeta onde ardese un fogar de loita emancipatoria. O viaxeiro, e prisioneiro, do Nautilus vira Nemo entregándolle eses fondos aos sublevados na illa de Creta contra o despotismo turco. Estando o Nautilus no fondo da ría de Vigo, Aronnax visitara, ás agachadas, os salóns privados de Nemo. Achou neles, pendurados da parede, retratos de herois e vítimas do colonialismo, a opresión nacional e o racismo, líderes populares de Irlanda, de Italia revolucionaria, de Grecia alzada, de esclavos rebeldes en EE UU, amosaban os seus rostros. De modo que o capítulo VII de 20.000 leguas enche de sentido todos os anteriores e seguintes e serve para iluminar outra creación do autor: A illa misteriosa. A consecuencia do ocorrido na ría de Vigo e na Historia, esta é a única cidade galega que dá nome a unha rúa de Londres. Hoxe en día, Vigo (e Redondela) estalle agradecido a Verne. Dalle notable presenza editorial en forma de excelentes traducións galegas e mesmo existe unha Sociedade Verneana con sede aquí. Nós, agora, lembramos con intensidade o contido da revista “Atlántida” da Coruña que, nos anos 50 do século pasado, publicou sobre Verne un número do que foi estrela o xenio poético e plástico de Urbano Lugrís. “Atlántida” e Galicia adiantábanse así a Roland Barthes na vindicación de Jules Verne como un dos cumes da novelística francesa contemporánea.

Suscríbete para seguir leyendo