Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Acougo de misericordia: a voltas coa ‘Fiducia supplicans’

O pasado dezaoito de decembro o Dicasterio para a Doutrina da Fe facía pública unha Declaración asinada polo papa Francisco ao respecto das bendicións ás parellas non casadas sacramentalmente a ás parellas homosexuais. Unha Declaración que, seguindo a xeira do maxisterio de Francisco, desenvólvese no binomio pastoralidade-misericordia como eixe desde o que abordar unha das cuestións ao respecto da que se lle vén pedindo á Igrexa unha actitude desde a mirada de Xesús, mirada de escoita e fraternidade.

O texto, que comeza cunha presentación a cargo do Cardeal Prefecto do Dicasterio sobre o sentido pastoral das bendicións, consta dunha introdución e logo desenvólvese en catro momentos: bendición no sacramento do matrimonio, sentido das distintas bendicións, bendicións de parellas irregulares e do mesmo sexo e, no cuarto apartado, a presentación da Igrexa como sacramento de amor infinito. É aquí, desde este cuarto parágrafo desde onde hai que entender a razón e o obxectivo do mesmo. Porque se a Igrexa non é quen de verse como sacramento de amor, dificilmente entenderá o sentido dunha bendición para quen vive na fraxilidade, na incomprensión ou no xulgamento continuo e constante por parte de quen se cre incólume e de moral intocábel e inatacábel.

Desde o comezo do seu maxisterio, e nunha liña de constante coherencia, Francisco ten reivindicado a Igrexa como un hospital de campaña que acolle, escoita, acompaña e integra fronte á alfándega inmisericorde que todo o pasa polo obxectivismo dunha moral ríxida e afastada da realidade, da vida e das preocupacións das persoas. Ser Igrexa hospital supón ser Igrexa de misericordia, que non se limita a coñecer normas e a aplicalas, senón que desde a samaritanía do exemplo de Xesús, adoita baixar da cabalgadura para untar con aceite rexenerador ás persoas feridas que vai atopando á beira do camiño.

“Na vida hai situacións que chegan sen elixir; outras elíxense pero non saen ben; as demais acertan”

E isto é o que busca a “Declaración Fiducia supplicans” (‘Confianza suplicante’) ao longo dos corenta e cinco números que a compoñen. Sen pretender entrar a cambiar, reformular ou suprimir ningún dos principios de teoloxía dogmática ao respecto do valor da sacramentalidade do matrimonio, e a súa concreción na decisión libre e voluntaria, desde o amor, do home a da muller, para compartir un proxecto de vida e amor na complementariedade. Non é este nin o sentido nin a razón da declaración. A súa dinámica é outra, e bastante afastada das cuestións dogmáticas. Busca ser unha Igrexa bálsamo de acollida e icona da presenza de Deus a través de algo tan sinxelo aparentemente, pero con tanta fondura para quen a solicita e recibe, como é unha bendición; un dicir ben de Deus na mediación desa Igrexa que escoita e acolle sempre na misericordia, sen escandalizar nin escandalizarse, senón dicindo simplemente: Deus quérete como ti es, coas túas fraxilidades e coas túas fortalezas. Fortalezas e fraxilidades que están presentes en todas as persoas e que non han levar a que algunhas se crean mellores ou superiores ás demais.

Na vida hai situacións que chegan sen elixir; outras elíxense pero non saen ben; as demais acertan. En todas e cada unha delas Deus está presente como compaña e forza. E isto é o que a Declaración quixo ofrecer, como recendo de agarimo dun Deus que só pode ser amor e nunha Igrexa que está chamada a ser vieiro polo que se vai desenvolvendo ese amor. Sen prexuízos, froito de ríxidas pedagoxías obxectivistas. Chamada a ser comunidade que se mostra como sacramento de salvación para todas as persoas.

E non debemos esquecer que o documento, sen ser exclusivo, si que está dirixido fundamental e principalmente a persoas crentes, que se descubren, sen telo escollido, de condición sexual diversa; ou parellas ás que a fraxilidade chegou as súas vidas logo dunha decisión que crían a mellor para compartir a vida con outra persoa. Porque nin a homosexualidade nin as separacións e divorcios son obxectivos que se busquen por riba de todo. Ao contrario, son situacións que chegan e ás que hai que dar unha resposta desde a misericordia do Deus que nos crea por amor e desde o amor. Nin a moral, froito da reflexión humana, nin a normativa canónica, lei positiva ao fin e ao remate, son quen de impedir a ninguén saborear o recendo do Deus amor a través dunha bendición que non xustifica situacións, pero que si se ofrece como bálsamo rexenerador de misericordia.

No canto de tirarnos dos cabelos... peiteémolos!

*Centro Teolóxico de Vigo

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents