Opinión
Non hai luces sen sombras
Entre o 4 e o 29 do pasado mes de outubro, celebrouse en Roma o XVI Sínodo de Bispos co tema da Sinodalidade: camiñar xuntos. Un sínodo que ten a peculiaridade de desenvolverse en dúas quendas: o xa celebrado e a súa continuidade en outubro do ano 2024.
Esta reunión eclesial viña precedida dun gran interese mediático debido a unha serie de aspectos que nel se traballaron. En primeiro lugar, porque era a primeira vez que nel participaban, ademais dos bispos, mulleres con pleno dereito a voz e voto. Foron un total de 54 mulleres; non son moitas, é verdade, pero foron, e iso, tendo en conta os tempos da Igrexa, hai que consideralo todo un éxito.
Un segundo aspecto deste ruxe ruxe mediático era que nas consultas previas ao sínodo feitas ás comunidades pedíase que se tratasen expresamente os temas referidos á muller na Igrexa –co paradoxo de que son elas as de maior presenza e compromiso nas comunidades cristiás–; o tema dos abusos –tanto na maneira como hai que xestionalo como na necesidade de asumir as consecuencias para coas vítimas–; e o tema da necesidade de renovar algúns dos contidos da Teoloxía Moral referidos a cuestións tales como a homosexualidade ou as novas formas de vivir e expresar a sexualidade, tendo en conta o diálogo interdisciplinar e as investigacións científicas.
O novidoso método de consultar e implicar ás comunidades na realidade sinodal supuxo romper coa tentación de elaborar desde a propia institucións materiais que non responderan ao interese das persoas crentes e de todas as xentes de boa vontade.
Comezado o sínodo, unha das imaxes máis icónicas que viaxou polas redaccións dos medios e das redes sociais foi a distribución dos pais e nais sinodais en mesas de traballo redondas, que posibilitasen a comunicación interpersoal desde unha posición de igualdade diversificada e con especial interese por facilitar a escoita activa. Respóndese deste xeito á convicción, tantas veces manifestada por Francisco, de que é a esfera a que mellor expresa a circularidade da comunicación, a participación e a escoita.
Todo o traballo desenvolvido na aula sinodal viu a luz nun documento co visto e prace das persoas participantes, que se presentou ao remate desta primeira quenda do sínodo. Un documento que leva por título ‘Unha Igrexa sinodal en misión’ e que está estruturado en tres grandes apartados: Igrexa en misión; todos discípulos, todos misioneiros e tecer lazos, construír comunidade que engloban os vinte capítulos nos que se van sintetizando cada un dos bloques temáticos abordados na aula sinodal. Un documento que se vai despregando desde tres pasos metodolóxicos: converxencias, cuestións que deben abordarse e propostas. Un documento para que, despois de volvelo ás comunidades, sirva para ofrecer elementos cos que posibilitar a renovación pastoral tan desexada por unha gran maioría dos membros da Igrexa.
Trátanse temas que van desde cuestións de estruturación da vida da Igrexa e as comunidades ata cuestións de gran calado e moita dor como poden ser os abusos, dos que, sen medo nin tabús, se ten discutido na aula, desde a que se urxe a que sendo os de carácter sexual de gran gravidade, non se han obviar os abusos de conciencia, económicos, de poder ou espirituais, tamén moi presentes na praxe eclesial.
A necesidade de volver sobre a Teoloxía Moral católica e a súa necesaria renovación tendo en conta os novos datos da ciencia e a necesidade de aplicalos, especialmente á reflexión moral sobre a sexualidade e as novas formas de expresala, sentila e vivila, son outros dos aspectos que o documento recolle.
O capítulo nove do documento trata da muller e da súa relación coa Igrexa. Nel constátase que, inda que se teñen dado avances, queda moito camiño por percorrer para que se pase da invisibilidade na responsabilidade de decisións á igualdade cos varóns nos diferentes ámbitos da realidade eclesial.
Logo dunha lectura repousada e sen prexuízos sobre o documento, e sendo moitas as luces ofrecidas tendo en conta de onde viñamos, son aínda non poucas as sombras que precisan ser iluminadas pola claridade dun compromiso moral e pastoral de querer ser Igrexa fiel ao Evanxeo do século un, sen renunciar á súa presenza activa, dinámica, esperanzada, alegre e propositiva no século XXI.
*Centro Teolóxico de Vigo
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
