Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Galicia en Tréveris

Fíos de luz e sombra histórica unen Tréveris (Trier en alemán), centro vinícola do Mosela, á Galicia das treixaduras e albariños. No xardin do pazo do bispo de Tréveris evócase doadamente o día borroso do século XIII en que o mitrado de alí, e Elector do Imperio, foi recibido por Afonso X o Sabio. O obxecto da audiencia era o de serlle comunicado ao máis poderoso dos poetas galegos o feito feliz do seu nomeamento como candidato á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico. A relación entre Tréveris e Galicia fixérase notar cando, nesta cidade do Mosela e no ano 385, se representou a farsa de xuízo contra Prisciliano, tras a cal este herexe galego resultou decapitado ao pé da monumental Porta Nigra. Parece ser que eran galaicos naquel intre, coma Prisciliano, o emperador de Roma, Teodosio, e máis o papa Dámaso. É seguro que os discípulos do mártir Prisciliano trouxeron o seu corpo a Gallaecia, para ser venerado e logo sustituído no culto pola figura do apóstolo Santiago. Isto último foi suxerido polo bispo e historiador L. Duchesne en 1900. Alén diso, Cunqueiro armou ben a fábula de que o albariño de Galicia trouxérono os monxes desde a ribeira do Mosela alemán, afluente do Rhin que flúe literariamente no poema de Ausonio. Máis eu non vin bacelos albariños ningúns nos socalcos que cercan Tréveris: a totalidade do branco de alí é dunha variante descoñecida en Galicia. Estudosos galegos que viaxaron a Tréveris por visitar a cidade de Karl Marx encontráronse aló co Gymnasium ou Instituto no que cursou estudos o filósofo materialista e repararon no feito de que tal centro docente público e napoleónico segue a ser propietario de viñas que producen un Riesling moi adecuado para merendas de verán ao acougo das latas dalgunha taberna antiga. Nun dos cemiterios de Tréveris xace o lingüista Joseph M. Piel, que tan ben guiou galegos e portugueses no bosco da onomástica persoal xermánica que vive sempre no antigo confín da Gallaecia. Logo, o seu discípulo Dieter Kremer promovería, desde Tréveris, os estudos de lingua galega nas universidades do mundo. Voltando atrás: algúns príncipes alemáns, e o Kaiser Henrique VI Hohenstaufen, na Idade Media foron poetas amorosos, ou sexa Minnesänger conformados co patrón imposto pola figura dominante do duque Guillerme IX de Aquitania. O altísimo trobador galego, e rei de Galicia, Afonso o Sabio (1221- 1284), con todo e ser fillo de Beatriz de Suabia, nunca chegou a sentir o peso da coroa imperial sobre a cabeza. Se cadra, mellor así.

Compartir el artículo

stats