Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Amistades lectoras

Non vou caer nesta tentación de dicir que o libro é o mellor amigo do home aínda que é indubidable a súa capacidade como mediador para comunicarnos con outros lectores para comentar o seu contido, descubrir novidades e acceder a autores e títulos insospeitados. A cultura é conversación e ler, unha forma de animar esa conversación tal como ten dito o intelectual mexicano Gabriel Zaid.

Teño un amigo da infancia que é un gran lector. Naturalmente ganou este honorable título lendo e facendo, como consecuencia, unha moi respectable biblioteca persoal modelada polos seus propios gustos e curiosidades. Unha singular característica da súa biblioteca, fundamentalmente literaria e na que predomina a narración sobre a poesía e sobre do teatro, é que carece de pautas académicas que nun momento determinado orientan a adquisición de libros durante a etapa escolar, as hoxe denominadas lecturas obrigatorias, que non existían nos anos cincuenta, naquelas húmidas escolas nas que convivíamos en despreocupada harmonía con frecuentes parásitos e animais con nome propio. Non me atrevo a describir polo miúdo a súa biblioteca porque non a coñezo en profundidade debido a que non escudriño nos seus libros por un certo pudor, consciente de que autores e títulos son tamén un retrato íntimo do seu propietario e lector.

Pois ben, este meu amigo ten unha cualidade que probablemente sexa unha conquista máis que procede da súa afección: distingue e identifica de maneira infalible as persoas lectoras das que non adoitan facelo; ata tal punto que poderiamos dicir que divide a sociedade entre lectores e non lectores, aos que por certo non chama ignorantes. Mesmo ten a capacidade de diferenciar entre “lectores” e “leedores”, seguindo a Pedro Salinas que reserva o nome de “lector” para aquel que le o que lle gusta xa sexa para informarse, divertirse ou formarse; polo contrario o “leedor” é aquela persoa que le profesionalmente o boletín oficial de Galicia, un anuncio de televisores ou a persoa que le un manual de instrucións para poder montar un electrodoméstico.

Da mesma maneira sabe, como adicto á lectura, diferenciar os bos libros dos malos, cuestión nada doada para un lector ocasional. Sei de esta súa cualidade porque adoita facer relecturas de certos libros. O máis relido coido que podería ser ‘Cien años de soledad’ do que acaba recitando parágrafos enteiros da maxia de Macondo. Sen esquecer o ‘Quixote’, ‘O Merlín’ de Cunqueiro, pasando por Celso Emilio Ferreiro, Ferrín e case todos os escritores das Terras de Iria como diría Angueira.

Esquecín dicir que este meu amigo foi panadeiro, oficio de herdanza paterna, e así lle seguen a chamar malia estar xubilado; non falta quen lle chama Ghandulo, alcume da familia materna ou Matapitos por ter representado en 1961 este personaxe na obra de Dieste “A Fiestra Vadeira”. Adoita admitirse que as dedicatorias crean unha relación inseparable entre o libro e a persoa que a recibe, unha especie de vínculo indisoluble de propiedade. Por esta razón cando o escritor mexicano Valle Arizpe atopou nunha librería de lance un libro seu que fora dedicado a un amigo, mercouno e reenvioullo con estoutra dedicatoria, “con renovado afecto”. Lembro que hai máis de corenta anos dediqueille ao amigo panadeiro un folleto ou separata parodiando unha greguería de Gómez de la Serna, algo así como “ao meu amigo axitador de masas, panadeiro político” que lle acaía ben cando aquelas reunións da ANPG en Santiago. Coma o escritor mexicano, “con renovado afecto”.

Cóntase do panadeiro Lorenzo Servitje, fundador do imperio Bimbo que, gran lector, cando lle gustaba un libro compraba decenas de exemplares e obsequiaba aos amigos. Outro xeito de “conversar os libros” entre fornada e fornada. Eu, nós os amigos, como Machado esperamos

también, hacia la luz y hacia la vida,

otro milagro de la primavera.

*Académico numerario

Compartir el artículo

stats