Javier Ambrossi e Javier Calvo, coñecidos popularmente como “Los Javis”, acaban de estrear “La Mesías”, unha serie emitida por Movistar Plus. Os directores negan que a nova produción estea baseada na vida das integrantes de Flos Mariae, mais as referencias son tan obvias que resulta difícil crelos. Pero quen eran Flos Mariae? Na súa web preséntanse explicando que algunhas das irmás Bellido Durán, prometéronlle á Virxe e a Xesús que se a súa nai, María Durán Bellido (fundadora de CatholicosOnline), sandaba dun tumor maligno, farían un grupo musical para venerar á Virxe María e difundir a fe cristiá católica. Aseguran que o proxecto musical Flos Mariae é unha promesa cumprida. Fixéronse virais en YouTube a través dos videoclips dos seus primeiros temas, que forman parte dun CD que presentaron en xaneiro de 2014. Alcanzaron máis de 15 millóns de visualizacións. Os vídeos de Flos Mariae son hipnóticos e difíciles de describir, a cabalo entre o kitsch, a inocencia e a ousadía. As letras son unha fantasía (ou talvez fose máis correcto dicir “un pesadelo”) e elas desafinan sen pudor. A súa arte, se é que existe, radica no atrevemento. É coma se nos anos setenta alguén metese a esas mulleres dentro da caixa dun televisor e levasen desde entón aí dentro, conservadas en formol pola Gracia de Deus. Sobre elas paira a sombra do escándalo. Os Mossos emprenderon unha investigación e concluíron que na casa familiar existían nove menores sen escolarizar (María Durán tivo dezaseis fillos). Mentres ela aseguraba que transcribira 435 conversas que mantivera con Deus e que a súa descendencia tiña a misión de salvar o mundo, o fillo maior acusaba á familia de ser unha seita e que o final sería o suicidio colectivo. María Durán morreu en 2015, pero as súas fillas seguen a día de hoxe difundindo a palabra de Deus a través das súas cancións. Porén, xa non o fan a través de Flos Mariae: o grupo escindiuse e agora existen dúas formacións musicais: 4HBD e Mariah’s Pop. Pero regresemos a “La Mesías”, a serie dos Javis. Se con “Veneno” xa puxeran sobre a mesa o talento que teñen para facer brillar personaxes inspirados en persoas de carne e óso (estou segura de que hai moita realidade, pero tamén toneladas de fantasía no relato baseado na vida de Cristina Ortiz), con “La Mesías” estoupan. Cada un dos capítulos é unha peza cocida a lume lento nun clima de violencia, fanatismo e terror que pon os pelos de punta. A serie é tan desagradable coma magnética. Unha casa solitaria no medio dun bosque, unha nai que transcribe as súas supostas conversas con Deus, un marido que semella a mesmísima sombra do diaño e dous irmáns, un neno e una nena, que se encargan de criar cada criatura nova que nace nesa casa. Sen apenas recursos, son escravos das paranoias do matrimonio. Viven no inferno e constrúen pequenos espazos de esperanza cunha habilidade que corta o alento. A historia é unha ferida que sangra. Non sei se é apta para corazóns hipersensibles. O que si sei é que hai que vela e, de cando en vez, buscar en YouTube algún dos vídeos de Flos Mariae. Recomendo empezar por “Amén”. Un debate interesante é a ética de fabricar material de ficción usando a vida destas mulleres. Pero Los Javis aseguran que calquera parecido coa realidade é unha mera coincidencia.
