Recibín as novas dos recentísimos Premios Nacionais concedidos polo Ministerio de Cultura a dúas autoras galegas coa emoción e a alegría de ver recompensado o traballo incansable de décadas de dúas compañeiras: Paula Carballeira e Yolanda Castaño. A primeira na modalidade de teatro pola súa obra As alumnas, publicada na Editorial Galaxia, unha obra homenaxe ás mestras e mestres e á escola laica. En palabras do xurado, “un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República”. Esa muller referente á que fixo referencia o xurado é María Barbeito, unha pedagoga que soñaba coa renovación pedagóxica en Galicia e que introduciu aquí o método Montessori e o de Decroly. Pola súa banda, Yolanda Castaño recibiu o galardón na modalidade de poesía pola obra Materia, publicada en Edicións Xerais, “pola poderosa proposta poética en que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe, cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial. Explora de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes”. Ambos dous premios están dotados con trinta mil euros. Destaco isto porque as persoas do mundo da cultura, ademais de traballar arreo, tamén nos alimentamos, pagamos alugueres, hipotecas, electricidade soportamos o peso das facturas que tamén soportan o resto das mortais e, ademais, somos autónomas. Está estendida a idea de que a cultura debe ser de balde. Non me importa facer toda a pedagoxía que sexa necesaria para combater este pensamento. É fácil de entender: ninguén lle diría a unha persoa que asiste ao seu posto de traballo nunha oficina algo do estilo “non cobras pero traballas aquí un tempo e así aproveitas para facer(te) promoción, é unha gran oportunidade para ti”. Nós, pola contra, si escoitamos este tipo de frases con frecuencia. Paula, ademais dunha extraordinaria narradora oral (é das mellores contadoras do Estado) é dramaturga, actriz e autora de literatura infantil e xuvenil. Leva desde o ano 1996 formando parte da compañía Berrobambán, conquistando os corazóns de maiores e pequenas. Yolanda Castaño leva a poesía nas arterias e, ademais da fazaña de vivir desta profesión, nutre Galicia da poesía máis prestixiosa do mundo a través do seu ciclo Poetas Di(n)versos, onde participan poetas de Galicia en diálogo con poetas estranxeiros que recitan na súa lingua orixinal con tradución ao galego. Un ciclo ao que tamén habería que sumar a proposta “Con barqueira e remador”, un obradoiro internacional de tradución poética, entre outras iniciativas que completan o seu perfil de divulgadora cultural. E para isto, ademais de ter talento, hai que ser tamén unha persoa xenerosa. Ambas as dúas, Paula e Yolanda, son dúas escritoras moi recoñecidas fóra de Galicia. Autoras coma elas, prestíxiannos. Teño escoitado en máis dunha ocasión afirmacións na liña de “eu teño outro traballo ademais do de escritora, pero cando sento diante do ordenador teño unha actitude totalmente profesional”. Ser profesional da escrita, do mundo da cultura, non consiste (só) en “ter unha actitude profesional diante do ordenador”. Isto sábeno ben Paula e Yolanda, que manexan a burocracia das profesionais autónomas trimestre a trimestre, fan malabarismos coas palabras, percorren Galicia, España e o mundo e aínda lles queda alento para sorrir.
