O dereito á propia imaxe entra na categoría de dereitos fundamentais, aqueles inherentes á dignidade humana e que, en consecuencia, requiren unha especial protección xurídica. É un dereito personalísimo, imprescritible, irrenunciable e inalienable. Un dereito que non se pode transmitir. O que si é posible é ceder o dereito á súa explotación. Na era das redes sociais, as imaxes voan. Unha vez que fas click no botón de “compartir”, perdes o seu control. Asumimos a sobreexposición como algo natural e compartimos momentos das nosas vidas privadas en directo. Coma nunha especie de Big Brother a escala mundial, poñemos a funcionar toda a maquinaria para mostrarnos. Sabemos que nos están observando e queremos que nos observen. Cantos máis, mellor. É un paradoxo que a idade mínima para abrir unha conta en Instagram sexan os catorce anos. Escribo isto pensando en todas esas contas de nais e pais onde os menores son os protagonistas desde o berce. Ao noso redor orbitan imaxes de nenas e nenos aos que vemos medrar a través da rede social. O nacemento, o primeiro día de escola infantil, a mañá de Reis, o podio dun campionato, a función de ballet, o partido do domingo, a festa de disfraces, a de aniversario... Todo é instagrameable. Canto máis persoais son as fotografías e os comentarios que as acompañan, maior é o número de interaccións. Adoito preguntarme por que as persoas adultas senten o impulso de compartir tantas instantáneas dos fillos. Se o dereito á propia imaxe é personalísimo, se é un dereito fundamental, non sería lóxico ter máis coidado antes de compartir as imaxes (e as vidas) dos menores? O razoable non sería protexelos en lugar de expoñer a súa intimidade? Por que decidimos por eles nunha cuestión tan delicada? Formúlome estas preguntas cando vexo perfís de persoas que desapareceron das súas contas de Instagram e quedaron sepultadas anos atrás, no momento anterior a ter fillos. Coma nunha especie de exercicio de substitución. Antes eran elas as protagonistas, agora son as fillas. Esta tendencia a compartir a crianza a través das redes ten o nome de sharenting e significa crearlle aos máis pequenos unha identidade dixital sen que poidan decidilo. Mais, que sucede cando abrimos un perfil en Facebook, Instagram ou TikTok? O que compartimos perténcenos, mais no momento de aceptar a política de datos, estamos outorgando o permiso para que usen ese contido. Onde poden rematar esas imaxes ou vídeos? Que pode suceder con elas? Hai uns días vinte e dúas rapazas denunciaron que recibiran mediante WhatsApp imaxes súas espidas, modificadas mediante Intelixencia Artificial. As imaxes foran roubadas das súas contas de Instagram e manipuladas coa intención de ser distribuídas. A máis nova das afectadas é unha nena de 11 anos, que cursa sexto de primaria. Algunhas delas foron extorsionadas para que entregasen cartos a cambio de non facer públicas as fotos. Os autores dos falsos espidos foron menores do entorno das vítimas, de entre 12 e 14 anos. Os de catorce anos son imputables, polo que se lles aplica a Lei do Menor. A creación material pornográfico é un tipo que contempla o Código Penal. Se os autores fosen maiores de idade, enfrontaríanse a penas de ata cinco anos de prisión por creación de material pornográfico infantil. Como usuaria activa das redes sociais non podo evitar pensar en que toda pedagoxía sobre este tema é pouca. Quizais sexa necesario contar ata tres antes de compartir unha fotografía.
