Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Jai alai en Vigo

Coido ben que han de ser uns cantos/bastantes –especialmente, de se dar o caso de “peitearen canas”– aqueles/as de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas que saiban descifrar ao certo o sentido do título que preside as presentes liñas. En efecto, trátase dunha expresión en euskera cuxo significado exacto vén ser o de “festa alegre”, se ben que acontece que se adoita aplicar aínda para denominar o xogo de cesta punta, unha das catro modalidades –que, á súa vez, comprenden catorce especialidades oficiais– recoñecidas pola Federación Internacional de Pelota Vasca (FIPV). De certo a, xa referida, cesta punta, a pelota á man, a pelota con pá e mais o frontenis –por máis que esta última rotulación deveña equívoca: ao cabo, dito xogo teno todo de pelota vasca e moi pouco/nada de tenis– resultan ser as modalidades máis recoñecibles polo público, en xeral.

Pos ben; este, seu cronista, conta Hcontou; infelizmente xa non está entre nós– cun moi querido familiar, nacido en terras de Baracaldo, que veu destacar nas especialidades de paleta e pelota á man, en campionatos amateurs da súa terra nativa. Foi el, xa que logo, quen alimentou en certa medida os meus primeiros intereses no deporte que estamos a comentar cando, sendo ambos rapazolos, viña pasar os veráns canda nós. Toda vez que no barrio no que moraba a miña familia contabamos cun pequeno frontón, deveu aí mesmo o lugar no cal levei a termo, daquela, as miñas primeiras prácticas na “cousa” da pelota. E por máis que teña de recoñecer que nunca fun quen de atinxir moita destreza no xogo, o certo é que, así e todo, si que mantiven viva a afección ao longo do tempo. Na miña estima, a pelota vasca constitúe, aínda máis que un deporte nobre, toda unha lección de confianza, camaradaxe e trato solidario.

"O investimento que habería que realizar para retornar practicables as referidas pistas non vai arruinar as arcas municipais"

decoration

Teño a fortuna, alén diso, de contar na listaxe dos meus bos amigos de sempre con algúns que veñen compartir conmigo a querencia polo frontón, e é por iso que, de non o impedir algunha conxuntura inagardada –ademais, claro é, das circunstancias climáticas adversas–, todas as semanas, ou case todas, procuramos atopar o tempo para desputarmos unha –unhas– partida xuntos. E cómpre facer fincapé aínda no das “circunstancias climáticas adversas” porque acontece que non existe, nin en Vigo nin e toda a súa área, a posiblidade de practicar a pelota vasca a cuberto; ben polo contrario, as únicas pistas dispoñibles veñen ser os cinco espazos existentes ao aire libre no complexo deportivo das Travesas.

Ou mellor dito: viñan ser cinco, toda vez que un deles hai xa tempo dabondo que deveu impracticable. Mais a cuestión, a “nai do año”, reside aínda en que así mesmo o estado actual das outras catro pistas é, por expresalo de xeito delicado, un tanto/bastante “infeliz”: o pavimento das instalacións está desgastado por completo, con numerosas fendas, gretas…, pequenos buracos onde resulta doado mancarse. Ao tempo, as paredes dos catro frontóns sofren desa mesma doenza mentres que as redes superiores –a serviren, en teoría, para que as pelotas altas non vaian dar fóra do recinto– están definitivamente descosidas coas consecuencias que resultará doado concluír. En fin, tan só a perseveranza, a afección e mais o afago polo deporte por parte dos seus practicantes determina que aínda haxa xente –para alén do pequeno grupo do que formo parte– que teime en continuar no percorrido do jai alai.

Entendo ben que non somos moitos/as os practicantes deste deporte e que, para acaso maior dificultade, resultamos ser, a maioría dos mesmos, xentes de certa idade. Quero dicir que podo/podemos comprender, xa que logo, que as prioridades deportivas do Concello de Vigo deveñan outras diferentes ás de prestar especial preocupación polo estado dos frontóns das Travesas. Agora ben; para alén do feito de que tamén nós, os/as maiores, pagamos relixiosamente os nosos impostos, acontece que o investimento que habería que realizar para retornar practicables as referidas pistas non vai arruinar, precisamente, as arcas municipais. É por iso que, facéndome eco do sentir dos/das afeccionados ao jai alai na nosa cidade, me atrevo a solicitar por parte de a quen corresponda unha pinga de sensibilidade por un deporte minoritario, pero sempre nobre e amable. Sexan, ou non, afectos/as ao deporte, agardo así mesmo a complicade de todos Vdes. E longa vida para o frontón!

Compartir el artículo

stats