Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Licantropía narrativa

Xa temos tratado equí dunha presenza constitutiva da cultura popular galega: o lobo e as súas propiedades. Deixamos fóra o asunto do que se coñece coma “lobishome”, que aparece e desaparece e se transforma na tradición universal. A atribución dunha orixe xermánica ao noso lobishome está xeneralizada. Eu mesmo botei leña a ese lume ao localizar o nome de lugar Guerofe, en Pascais (Samos) que perpetúa a palabra xermánica weruf “lobishome”. Algúns topónimos galegos cuxa raíz é wulf reférense a alcuño ou nome relacionado con lobishomes: Randufe, Mañufe, Merufe, Ulfe.

Herodoto e Plinio o Vello dan noticia de licántropos ou homes lobo ou lobishomes ou lobos da xente. Ovidio, cuxa luz non se extingue, inclúe nas súas Metamórfoses prodixiosas un relato especialmente inquietador: o de Licaon, rei de Arcadia, que se transforma en lobo e termina sendo punido polos deuses. El foxe a lugares desérticos. Transpónselle a pel en pelica, en patas as mans e brazos. Durante a metamorfose, Licaon quere falar, pero o latín que lle aflora polo fociño é un esbardallar confuso, animalesco e violento. Aínda Petronieo no seu Satiricón será capaz de lle insuflar nova vida a un conto de lobishome.

En canto á nosa literatura, foi Vicente Risco, que soía desdobrarse en etnógrafo e creador literario, o que introduciu nas letras galegas este tema literario, e el afonda na súa teorización conceptual. Faino en dúas ocasións. Unha, na do seu ingreso na Academia Galega (1929) cun discurso que leva o título de Un caso de lycantropía. En tal discurso científico, que foi respondido por Cabanillas, Risco discorre sobre a universalidade e posibeis orixes da crenza no home lobo, para o cal manexa o sumario xudicial de Manuel Blanco Romasanta, asasino e violador, que cría transformarse realmente (“a manía luparia” que coñecía Cervantes) en lobo.

Romasanta foi defendido por Xosé Rúa Figueroa, autor posibelmente da publicación do proceso que levaría en 1947, Carlos Martínez Barbeito a escribir sobre o asunto a novela El bosque de Ancines. Pero Vicente Risco tamén publica un relato de licantropía que lle fora transmitido de xeito oral: O lobo da xente (Lar, A Coruña 1925). Na noveliña trata dunha moza que se fai loba por efectos da fada que lle bota a súa nai. Risco aquí amolece a súa compostura habitual para insistir na beleza e feminidade da que podemos chamar con precisión “muller loba”: “Unha rapaza fermosa coma un carabel, de ollos verdes onde centellan palliñas de ouro”.

Emma Pedreira retoma, con acerto, o tema da muller loba na novela titulada Besta do seu sangue ( Xerais, Vigo, 2018). E na narración Vísperas de Claudia (Xerais, Vigo 1998), Guede consegue meter de forma onírica a maldade do lobishome nos crimes políticos ocorridos no Ourense feixista de 1936 e seguintes. O asunto non se esgota.

Compartir el artículo

stats