O pasado 23 de xullo a cidadanía española acudiu ás urnas. A maioría das enquisas prognosticaban maioría suficiente da coalición das dereitas, mais o rexeitamento á ultradereita acabou mobilizando o voto útil progresista na recta final da campaña. Como resultado, o PP foi a forza máis votada, pero a suma con Vox non obtivo maioría suficiente no Congreso. Pola súa banda, o PSOE conseguiu superar os malos augurios e crecer. Así é que Feijóo non acadará a investidura, e cómpre que Pedro Sánchez logre un bo acordo, dentro da Constitución, que evite a repetición electoral e lle permita seguir impulsando o progreso e a igualdade.
Pendentes da complexidade da investidura, iniciamos un curso político que rematará en Galicia coas eleccións autonómicas de 2024. Será a décimo segunda cita autonómica en Galicia dende a aprobación do Estatuto e en función das tendencias á alza ou á baixa de cada forza política veremos se hai cambio político. Con resultados non directamente extrapolables, a evolución das porcentaxes de voto nas recentes xerais e municipais respecto ás anteriores pode perfilar as dinámicas electorais existentes.
O PSdeG viña dunha fase de crecemento electoral en Galicia entre 2019 e 2020, deixando atrás unha década negativa. Así foi porque mentres me correspondeu liderar o partido subimos en todas as eleccións que houbo: crecemos 10 puntos nas eleccións xerais, 6 nas municipais, 14 nas europeas e 1.5 nas autonómicas do covid. Gañamos ao PP nas xerais e europeas por primeira vez na historia de Galicia, conseguimos maior representación que nunca nunhas municipais e subimos a porcentaxe de votos nas autonómicas por primeira vez dende 2005. A conclusión é que o PSOE subiu, pero o PSdeG funcionaba ben e subía máis que en España. Sempre os datos matan falsos relatos.
"Cómpre, neste tramo final da lexislatura, fortalecer o PSdeG e a alternativa de progreso que permita unha Galicia mellor"
Mais as recentes eleccións municipais e xerais de 2023 marcaron un cambio de tendencia para o socialismo galego. Nas municipais do 28M os socialistas caemos tres veces máis en Galicia que no conxunto de España, perdendo as alcaldías de Santiago e Ferrol, a deputación de Pontevedra e máis de cen concelleiros. A situación agravouse máis nas xerais: mentres o PSOE acadaba unha onda favorable e subía 3.5 puntos en España, en Galicia caemos 1.7 puntos e perdemos tres deputadas e unha senadora. Preocupante que nas provincias de Lugo e Ourense o PP volvese ao 50% dos votos, mentres o bo resultado socialista en Vigo permitiunos manter tres deputados na provincia de Pontevedra. Con todo, mentres en 2019 socialistas e populares empatabamos a 10 deputados en Galicia, agora o PP sácanos 6 de vantaxe, xusto cando cada escano é clave para a investidura.
Cómpre agora reflexión e acción no PSdeG para avanzar ante vindeiros retos. Defender a política da ética e da exemplaridade, convocar primarias frescas que axuden a enderezar o rumbo, propoñer medidas de goberno acordes ao proxecto socialista, galeguista, ecoloxista e de igualdade que representamos, confrontar sen complexos co goberno do PP na Xunta, defender os avances sociais do goberno progresista do estado, abrir a casa común da esquerda sen ningún sectarismo, servir á cidadanía galega e ao interese xeral por riba de calquera clave particular. O impulso do PSdeG é requisito sine qua non para o cambio progresista en Galicia. E moitos galegos e galegas estannos esperando. Porque cómpre unha nova política económica, industrial e de I+D+i; cómpre un novo impulso dos servizos públicos, da política social e do benestar; cómpre nova vertebración territorial para apoiar o rural e impulsar o dinamismo urbano; cómpre un novo goberno para as oportunidades e o futuro da xente.
Galicia non pode ir a menos e o goberno Rueda carece de iniciativa e impulso. A decisión máis relevante que tomou foi reducir á metade o imposto do patrimonio para regalar 34 millóns de euros aos sete mil galegos máis acaudalados, mentres hai listas de espera na atención médica primaria, mantense a eliminación dos libros de texto gratuítos e a metade das familias galegas chega con dificultades a fin de mes. Cómpre, neste tramo final da lexislatura, fortalecer o PSdeG e a alternativa de progreso que permita unha Galicia mellor.
*Ex secretario xeral do PSdeG e doutor en Economía e Ciencia Política