Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Letras no Bierzo

No ano 2002, e coa presidencia de Xosé Ramón Barreiro, a Academia Galega celebrou o Día das Letras consagrando a Martín Sarmiento en dúas localidades: Vilafranca do Bierzo e Pontevedra. Isto é: dúas boas vilas relacionadas co sabio precursor do naccionalismo cultural galego. O acto de Pontevedra, nun espazo a tiro de pedra do Poio das primeiras letras do conmemorado e a pouca distancia do carballo de Santa Margarida de Monteporreiro que aínda reverdece cada ano, foi brillante. E, o de Vilafranca, intensamente simbólico.

Esta sesión converteuse en defensa dunha galeguidade do Bierzo Occidental que, sentida polo público, se fixo evidente no Teatro Vilafranquino mentres as gaitas arrolaban a ceremonia desde a Praza. Durante a ceremonia berciá, unha presenza ía e viña, citada expresamente no meogo de discursos de alto valor que poden consultrase en bibliotecas. Falo da figura de Antonio Fernández Morales, autor dun dos primeiros libros en galego publicados no século XIX, de raíz berciá. Falamos da obra Versos en Dialecto Berciano (León 1861). Moitos daqueles concorrentes de 2002 en Vilafranca tiñan en mentes un futuro Día das Letras Galegas que fose consagrado á memoria do poeta e progresista que lle outorgou relevancia inmortal á lingua galega falada na provincia de León no seu tempo e no noso. Non chegou a haber Día das Nosas Letras pera Fernández Morales, pero haberáo. Entrementras, a fama deste escritor galego “extramurado” non mingua e as reedicións dos seus versos sucédense: a posteridade pode comportarse así.

Naquel día de 2002, e disolto o acto académico, un grupo deslocouse a Cacabelos para xantar.Eran persoas do Bierzo, da Galicia administrativa e, tamén, chegadas doutras terras peninsulares que falan galego e se orgullan de facelo con constancia. Falouse dos problemas da nosa lingua naquelas bisbarras nas que carece de oficialidade. Eu lembro que alguén propuxo o urso e o galo do monte coma animais simbólicos da que chaman tamén Galicia Estremeira.

En todo caso, en Cacabelos houbo, entón, unha resposta política en forma de declaración que, moi unida ao entusiasmo de Xosé Henrique Costas, tivo continuidade no tempo e abriu novos camiños á esperanza dunha lingua nosa plenamente recuperada nas terras e países que a constitúen.

Compartir el artículo

stats