Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Onde vas, Alberto?

Como sen dúbida ha de resultar ben coñecido por todos/as os, sempre moi amables, lectores destas crónicas, segundo relata o evanxeo apócrifo dos Feitos de Pedro, o máis vello dos apóstolos –e diante da persecución contra os cristiáns ditada por Nerón– decidiu abandonar Roma. Foi daquela cando, xa fóra dos límites da cidade, se lle foi aparecer Xesús, arrastrando a cruz. “Quo vadis, Domine?” (“Onde vas, Señor?”), preguntou Pedro. “Roman vado iterum crucifigi” (“Vou cara a Roma para ser crucificado de novo”), respondeulle Cristo. En fin, trátase dun episodio que así mesmo figura na novela do premio Nobel polaco Henryk Sienkiewicz e tamén no rótulo do célebre film –“Quo vadis?”, desde logo–, dirixido por Mervin LeRoy en 1951, con Robert Taylor, Deborah Kerr e mais un inesquecible Peter Ustinov nos papeis protagonistas.

“Quo vadis, Alberto?”: eis a pregunta –desde a estima deste cronista, e coido que tamén na de bastantes/moitos de entre Vdes; máis aínda despois de que o seu principal contrincante, o actual presidente do Goberno, D. Pedro Sánchez lle dese carolos– que cabe facerlle así mesmo a D. Alberto Núñez Feijoo, inmerso como está o actual líder do Partido Popular nunha carreira contrarreloxo que ben pode semellar en dirección cara a ningures. E é que, en efecto, resultando inviable acadar a gobernación pola suma dos escanos propios máis aqueloutros procedentes de Vox; sabedor da negativa do PNV a apoialo; devindo un imposible contar con calquera regalía de Junts…, por qué e para qué aceptou, xa que logo, D. Alberto o encargo real de acadar unha maioría parlamentaria que alicerzase a súa investidura?

De certo, se existe algunha cousa lábil neste mundo, tales deveñen os eidos esvaradizos da política. E máis aínda acontece tal proceder cando se trata, alén diso, do ámbito concreto daqueles que asesoran, aconsellan... –e máis de unha, dúas... veces encerellan, enlean e aloulan– os mesmos políticos en exercicio. En consecuencia, talvez habería que achegarlle a D. Alberto iso mesmo: a necesidade de contar canda súa cunha xente máis acougada, emocionalmente estable que esoutros que agora mesmo están a deseñar a actual estratexia do candidato popular. Que este e mais os seus adxuntos fosen procurar o aval socialista para unha lexislatura de apenas dous anos, ben pode aparentar peripecia pintoresca –“un intento bisoño”, Ayuso dixit– cando non todo un lance tinxido de patetismo.

Mais consideremos, sequera un anaco, que non deveña tal; sopesemos, conceptuemos que ben, polo contrario, o Sr. Núñez Feijoo e compañía si que teñen entre mans algo que merece o rótulo dun “proxecto”, dun “método”, dun verdadeiro “plan” para acceder onde as portas do Palacio da Moncloa. Cal viría ser, entón, o mesmo?

“Entenden, Núñez Feijóo e mais os seus, que han de chegar ao poder escribindo recto mediante liñas tortas?”

Se iso fose, acaso o primeiro –e moi importante– paso devise, precisamente, ese xa andado: presentarlle á sociedade española –a través do breve show canda Sánchez, primeiro, e sobre todo diante do Congreso de Deputados, a continuación– unha perspectiva de acción gubernativa que dea cumprida noticia das (supostas) capacidades dun Alberto Núñez Feijoo armado no verdadeiro home de estado que España precisa nesta –unha máis– hora difícil da súa historia: isto é, alguén que dialoga con tutti quanti –incluso con Vox, cos vascos esquivos e mais os cataláns revoltés–, aberto sempre á colaboación directa co outro principal partido estatal, atento á pluralidade dun país de sensibilidades variadas e, en fin, un dirixente centrado e centrista que busca axeitar arredor seu unha “maioría social” na busca do equilibrio e do “progreso san e ben entendido”. É dicir: evitando deste xeito a confrontación directa co mesmo, vir amosarse como todo o contrario daquilo que, seica, está a representar Sánchez (e, de paso, o fogo amigo de Dna. Isabel).

Claro é que D. Alberto non pode pretender acadar semellante triunfo agora mesmo. Porén, contemplando sempre a perspectiva de que o Sr. Sánchez Pérez-Castejón fracase, á súa vez, no proceso “Frankenstein II”, si que pode considerar que o resultado dunhas segundas eleccións serviría para cimentar con éxito o seu propósito: con Vox en caída libre –no mellor dos soños, mesmo xa (case) innecesario– os populares terían moitísimas menos dificultades para contaren coa aquiescencia dos vascos e cataláns moderados (estes últimos en posible retorno ao rego constitucional). En fin e incluso, e no menos favorable dos horizontes, acceder, agora si, a unha abstención socialista. Traducido: escribindo recto mediante liñas tortas –cal a Divinidade– Núñez Feijoo e compañía virían admitir unha inevitable derrota que, paradoxicamente, lles fose abrir as portas do futuro éxito.

Desde logo, obxectarán algúns/as que todo o anterior conforma unha pura especulación deste cronista, se cadra un tanto efervescente logo das calores do verán, e que, ademais, os pequenos deuses da política poden errar por completo o albo. En fin; tan só o tempo nos dará a medida das certezas. Pero o tempo –por moito que D. Alberto e/ou D. Pedro se consideren os donos das tales– é unha medicina que non se compra en farmacias.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents