O fascismo español móvese nun contexto diferente debido á configuración territorial do noso Estado. O fascismo español rexeita, e así o manifesta, das autonomías, pero aprovéitase delas para introducir a súa política sexista, homófoba, discriminatoria e a dereita estalle a abrir as portas abrazando as políticas negacionistas.
A pregunta é... qué está a pasar coas mulleres do Partido Popular? Estas mulleres que participaron activamente nun dos sete únicos pactos de Estado da democracia como foi o pacto contra a Violencia Machista.
Mulleres que ocupaban e ocupan postos políticos relevantes, apoiando as políticas feministas que en moitos casos reforzaron e ampliaron. Onde están?
Podería dar nomes pero non o vou facer xa que por desgraza todas están caladiñas vendo como os seus socios pechan Centros de Información dos Dereitos das Mulleres, vendo como en Valencia rin no minuto de silencio polo asasinato dunha muller vítima da violencia machista, vendo como ás súas amigas e amigos LGTBI estanlles a negar dereitos... a lista é longa.
Pregúntome se tan febles son as súas conviccións ou se teñen asumida a famosa frase, repetida por Cuiña cando lle dicía a unha compañeira de partido que “fóra do Partido vai moito frío”, e que deixase de amolar. Lembras, amiga?
Non habedes ter perdón por non vos mobilizar permitindo toda esta barbarie coa vosa complicidade, vendo como o fascismo avanza paseniño, seguro e sen complexos.