Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cipriano Luis Jiménez Casas

O bálsamo e a ferida

Sobre os recentes e graves disturbios en Francia, filósofos e sociólogos propoñen a cultura como bálsamo de mediación. É o caso do xa centenario intelectual Edgar Morin, quen introduce na análise desta situación a perspectiva seguinte: o home (a persoa) é un ser cultural por natureza porque é un ser natural por cultura. Xa que logo, a cultura constitúe un substrato organizativo, unha matriz de información que serve para alimentar as capacidades cerebrais, orientar as estratexias heurísticas e programar os comportamentos sociais.

Pola súa banda, Boris Cyrulnik (1937), psiquiatra e psicanalista que desenvolveu o concepto de resiliencia, afirma que os disturbios acaecidos en Francia son un agasallo para o fascismo. O fracaso da escola infantil e o déficit lingüístico lastran aos nenos e nenas, singularmente se veñen da pobreza, quen ao chegar á escola acusan un forte sentimento de humillación que os vai empurrar á violencia e a odiar as elites. Así, dende cedo, a sociedade escindida represéntase nunha minoría de nenos e nenas fillas de ricos que aproban e acadan salarios altos e suceso profesional.

Porén, moitos nenos e nenas que pertencen a familias pobres están mellor na escola que na casa e se aprenden a falar non só sacan proveito senón que ese feito vaise converter nun factor de resiliencia que sempre os acompañará. Mais as e os que se quedan nas duascentas palabras adoitan detestar a escola ao tempo que desenvolven fobias. En todas as culturas, comenta Cyrulnik, o odio ás elites é unha sinal anunciadora do fascismo. Non por acaso o que pasou en Alemaña, nun pobo considerado culto, non eran poucos os que lle tiñan xenreira a quen levaba lentes e era xudeu porque os identificaban cos intelectuais e, por extensión, ou por substitución, odiaban e queimaban os libros. Arestora, os rapaces e rapazas que quedan fóra da escola forman bandas e fan rituais de iniciación a través da violencia. Séntense afoutos ao se lear coa policía como xeito de demostrar a súa coraxe e ao mesmo tempo, reparar a ferida que a carencia de familia, de cultura e ser vítimas humilladas que a escola gravou na súa dignidade.

"Sabémolo todo e non podemos nada; a nosa ciencia é a nosa impotencia. Estamos inmersos no analfabetismo ilustrado. Na incapacidade de comprensión"

decoration

Recentemente Marina Garcés, pensadora e ensaísta contemporánea, bota man da cultura en relación á catástrofe do noso tempo para invocar o seu poder salvador á par do coñecemento. Sabémolo todo e non podemos nada; a nosa ciencia é a nosa impotencia. Estamos inmersos no analfabetismo ilustrado. Na incapacidade de comprensión.

Miremos, para o remate da campaña electoral en xullo deste 2023. Miremos para os medios de comunicación a ofrecer un apaixonado debate sobre “verdade ou mentira” a propósito de determinadas actuacións e/ou comportamentos dalgúns políticos que, máis ca informar, provocaban emoción e insistían non na verdade senón no que a xente quería escoitar. Mentres, as mentiras vestidas de novidade, tiñan máis probabilidade de seren acollidas como verdade.

Verdade ou mentira, xustiza e inxustiza movéronse sempre, na historia da humanidade, a redor de certas dicotomías. Se imos cara a finais do século XX topamos co movemento anti-globalización e a reivindicación: doutro mundo é posible. Mais hoxe as mobilizacións a prol do feminismo, contra o cambio climático ou en defensa da diversidade teñen en fronte o machismo, o negacionismo ou o supremacismo, posicións que forman e conforman tensións e conflitos do momento que estamos vivindo e que en non poucos casos impídenlle ao feminismo avanzar e se consolidar como un modelo para a igualdade, torpedean a sustentabilidade do planeta ou rexeitan o principio da diversidade humana.

Aló, nos albores do século V (antes de Cristo), o grande autor tráxico Esquilo advertía que todo é, ao mesmo tempo, xusto e inxusto ao mesmo tempo e todo é igualmente xustificable. Que saída ten a sociedade para os rapaces e rapazas marxinadas que dende ben cedo foron discriminadas e humilladas?

*Psiquiatra e psicanalista

Compartir el artículo

stats