Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside

Sorprendeunos a noticia xornalística da reinauguración do Museo [Galego] de Arte Contemporáneo Carlos Maside (O Castro, Sada), do pasado 17 de xullo, preparando a edición do epistolario que recolle a correspondencia entre Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo para a editorial Renacimiento de Sevilla. E aínda que non adoitamos tratar temas de actualidade periodística, condescendemos hoxe con ela porque o museo, tal como recolle a correspondencia mencionada, encarna os máis nobles soños de dúas persoas admirables das que tan necesitados estamos. Todos os proxectos comúns entre Seoane e Isaac parten do denominado Laboratorio de Formas (1963), un pepidal de ideas, un organismo virtual, que constituirá posteriormente, Ediciós do Castro (1963), Sargadelos Limitada (1964), Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside (1968), Instituto Galego de Información (1977), etc. Confiamos en que furtarlle o adxectivo “galego” á denominación do museo e relacionalo erroneamente con Sargadelos, que malia ter a mesma orixe non gardan relación, sexan simples erros involuntarios e non un anticipo de intencións.

Pola nosa parte si anticipamos, que as reflexións que seguen son consecuencia da lectura, seguida da indexación correspondente, das 332 cartas que entre 1956 e 1979 intercambian Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, sen dúbida un detallado relato da aventura fundacional do museo citado. E ser editor do citado epistolario supón tamén unha lectura exhaustiva e lineal do mesmo nada frecuente neste tipo de obras que, xeralmente, son peteiradas na procura de intereses concretos e parciais.

As cartas citadas son hoxe valiosa documentación que testemuña a existencia de fecundas conversas e debates, exaltados e acalorados en moitas ocasións, que provocaron serios desencontros pero que non menoscabaron nunca a amizade leal que se profesaron Luís e Isaac.

Desde logo pensamos que a lectura do epistolario debe ir precedida dunha mínima consideración sobre as causas que provocaron as tensións e desacordos que se producen, por unha parte, entre Seoane e Díaz Pardo e, por outra entre Isaac e unha parte dos seus socios fundacionais e que motivaron o desenlace tan traumático e doloroso como inxusto do grupo Castro-Sargadelos.

Nun resumo de urxencia espacial, a causa e fonte principal das disensións entre Seoane e Díaz Pardo proceden de que o primeiro, pintor e grabador, fixo do museo unha bandeira de recuperación ética e artística que tiña como obxectivo principal restaurar a memoria histórica de Galicia dos organismos suprimidos pola ditadura e Isaac, que compartía estas arelas, tiña a responsabilidade engadida da situación económica dunha empresa que daba traballo a máis de duascentas familias. Por outra parte, algúns dos socios fundacionais de Cerámicas do Castro que acompañaron a Isaac, alleos totalmente a estes soños compartidos, descoñecidos no mundo dunha burguesía consentidora e frívola á que pertencían, non podían asumir que a “empresa” promocionase e invertise nunha editorial, nun museo e nun programa cultural dignificador que os privaba dun reparto de beneficios que consideraban natural e propio de toda empresa comercial. Como consecuencias, avogados e pleitos foron para Isaac un incesante foco de preocupacións que acabaron, en ocasións, invadindo o ámbito familiar.

Polo demais a filosofía fundacional do museo xa está adiantada nas cartas que intercambian os dous amigos no ano 1965. Seoane escríbelle a Isaac (21-VI-1965), desmoralizado, séntese só e coa sensación de ter perdido a súa vida sen acadar o trozo de terra que máis quere, Galicia, cando outros andan na procura de chegar á lúa e a Marte. A pronta contestación de Isaac (27-VI-1965), con propósito de animalo e reconfortalo, apela a instancias éticas e estéticas representadas polo amigo exiliado e que foron a razón principal do seu acercamento e amizade fundada na solidariedade e no diálogo co mundo exílico.

Todo o tecido fundacional saído do Laboratorio de Formas tivo como fío condutor a utopía, os soños dun mundo mellor. Por esta razón seguen a ser inquietantes as palabras que Calderón na súa obra La vida es sueño pon na boca de Segismundo no seu segundo soliloquio, no que remata dicindo que “toda la vida es sueño, y los sueños, sueños son”.

Compartir el artículo

stats