Segunda Feira

25 de Xullo e laicismo

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

O amigo Xenaro García Suárez, matemático e escritor, acha a menos, nunha miña columna do FARO (10-7-2023), a mención do FSU (Frente Socialista Universitario) entre as organizacións clandestinas que cooperaron coa UPG na restauración do Día da Patria Galega o 25 de Xullo de 1968. Certamente, o FSU, que tivera presenza destacada no movemento universitario compostelán do curso anterior, quixo estar activo a carón da UPG na convocatoria da Concentración Nacional en Compostela co seu propio manifesto.

O FSU era a sección estudantil do PSI (Partido Socialista en el Interior) fundado e dirixido por Enrique Tierno Galván que, máis tarde, mudaría o nome polo de PSP (Partido Socialista Popular). Falabamos dunha formación partidaria ilegal que se declaraba socialista autoxestionaria e federalista. No 68, Tierno Galván transitaba, se cadra, estimulado polo seu discípulo Lucas Verdú, a unha ideoloxía de sabor iugoslavo que conectaba ben con algunhas correntes que fluían na Galicia nacionalista de esquerda. Lembramos, no contexto actual, que o partido de Tierno sempre estivo impregnado dun espírito aconfesional ou laicista, o cal obriga a deternos un intre na Compostela apostólica.

A tensión entre secularización civil e reacción clerical tivo Compostela como centro sensíbel de Galicia durante os séculos XIX e XX, rebordando este segundo século. As forzas que pactaron e implantaron o vixente réxime político español, dito da Transición ou Reforma Política, non desposuíron a igrexa católica dos privilexios que lle concedera o franquismo e que seguen a rexer nos nosos días.

Semella que o catolicismo detestou o Día de Galicia impulsado polos nacionalistas considerándoo un elemento invasor da festividade de Santiago Apóstol. Os mitins das Arengas que celebraron os nacionalistas galegos republicanos en 1934 e 1935 foron ollados con desagrado pola xerarquía católica e as dereitas. Así que, no derradeiro de aqueles actos de masa que se escenificaron na Quintá multitudinariamente, unha escadra de Falange Española fíxose presente coa súa violencia “de los puños y de las pistolas” e intentou, sen éxito, desfacer o comicio. Cóntao Castelao e o suceso foi referido por moitas testemuñas asistentes. Ao reinstaurar Franco o nacionalcatolicismo, o arcebispado veuse de novo señor dos poderes perdidos na República.

No 1968, a UPG e os seus aliados reinventaban o Día da Patria: notouse daquela un malestar nas esferas clericais. Mal corpo que parece acentuarse cando as alcaldías nacionalistas de Compostela marcan as debidas distancias entre o poder político e a igrexa católica.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents