O legado de Rodrigo Romaní

O pasado día 15 deste mes asistimos na nosa cidade ao espectáculo: O legado de Rodrigo Romaní. Unha viaxe musical de Milladoiro a SonDeSeu. Homenaxe ao veterano músico cando conclúe a súa actividade como tal, sen desbotar a súa posíbel continuidade como compositor. No acto recordouse a súa pertenza ao Movemento Popular da Canción Galega en 1975, presentado en Vigo no colexio dos Xesuítas, nun día indeterminado da primavera daquel ano. Máis precisa é a data doutra actuación do mencionado Movemento no Pavillón dos Deportes das Travesas, o 10 de abril 1976, casualmente coincidindo co pasamento de D. Ramón Otero Pedrayo. Cara e cruz dunha Galicia que esmorecía e outra que agromaba.

Pasados dous anos, en 1978 editouse o disco Milladoiro, gravado polo dúo Seoane & Romaní, coa concorrencia do gaiteiro Xosé Ferreirós. Unha xoia musical, que precedería á creación do buque insignia da música galega, o grupo no que cabemos todos os habitantes deste País, e que herdaba o título do disco precedente: Milladoiro comezou a ser realidade desde os primeiros anos oitenta do pasado século. Desde entón vén estilizando o concepto popular. Así o manifestou o propio Romaní despois de gravar Castellum Honesti - 1989 -: “Nós cada vez estamos máis próximos ao clásico, pero coa debida precaución porque se gravas Negra Sombra con harmonías demasiado atrevidas, atoparaste cun público que irás perdendo”. E non é casual que Milladoiro recorrera á The English Chamber Orchestra para rexistrar a suite orquestral Iacobus Magnus en 1994, con Maximino Zumalave á batuta. Director que despois repetiría experiencia co propio Romaní, cando xa abandonado Milladoiro no ano 2000, debutaría como solista con Albeida. Naquela ocasión foi The City of Prague Philarmonic a orquestra escollida polo noso creador, que a este respecto manifestou: “son afeccionado á música clásica, non un profesional, e nesta dicotomía noto a carencia”. Daquela, están xustificadas ambas ensamblaxes.

Imposible ponderar o legado que nos deixa Rodrigo Romaní, dada a súa enorme contribución á música como compositor, intérprete, mestre, mentor da actual escola ETRAD, da Rede Europea de Orquestras Folk , produtor... Claro que non estivo só. Por exemplo, os seu compañeiros Anxo Pintos e Xosé Liz, á par de integrantes de SonDeSeu, tamén o foron do trío Lizgairo, do que procede rescatar da memoria o seu excelente disco Diacronías. Unha produción máis para ben da nosa música de raíz. Outra contribución desde Vigo á nosa cultura.

*Crítico musical. Membro da Asociación Cultural Pertenza