Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

O Portal das Palabras (I)

Nunha memorable carta escrita por Rafael Dieste a Enrique Azcoaga en 1949 dicíalle, referíndose á España franquista, que era moi difícil conquistar a limpeza verdadeira despois de tanto “barrer”, do moito “limpar”. Algo parecido, salvando as distancias, ocorre na Real Academia actual, empeñada en reescribir historias con efemérides que operan como estupefacientes.

O denominado “Portal das Palabras”, unha iniciativa desenvolvida entre a Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié (FPBM), comezou cunha primeira reunión celebrada o 8 de novembro de 2010 na rúa Cantón Grande, 9 da Coruña, sede da fundación devandita. Estaban presentes nesta primeira xuntanza, tal como recollen as actas respectivas, e traballaron arreo, por parte da FPBM, Enrique Fernández Varela, Francisco Gómez Pose, Olga Otero Tovar e Diego Rodríguez; por parte da RAG, toda a executiva, con Méndez Ferrín como presidente da mesma. A orde do día deste primeiro encontro era os Dicionarios da RAG, a renovación tecnolóxica para a súa elaboración, ubicación do Seminario de Lexicografía e fixar unha política de comunicación conxunta entre ambas institucións arredor do proxecto. Sucedéronse as reunións e considerouse urxente centralizar os traballos de lexicografía, proceso que se culminou no ano 2012 co traslado dos traballadores desde Santiago.

Varias foron as causas que motivaron o citado traslado: a primeira era aforrar os 19.000 euros anuais do importe dun aluguer cando xa empezaban a menguar os presupostos da Academia. Outra causa, non menos importante, era a necesaria reorganización dos recursos humanos da RAG imposta pola dinámica que estaban a coller as distintas Seccións e Seminarios impulsados pola executiva de Méndez Ferrín.

Ata o momento do traslado todos os traballos lingüísticos da Academia estaban centralizados en Santiago por mor dun acordo, entendo que tácito e enormemente frutífero para a Academia, entre o presidente García Sabell e o fundador e director do Instituto da Lingua Galega, e tamén académico, Constantino García. Este acordo, inspirado sen dúbida na crenza de que a lingua é cousa exclusiva de lingüistas, desaparecidos os actores do mesmo e ante os novos retos e proxectos da institución académica, estaba a pedir unha reestruturación. Unha reestruturación que, económicamente, non podía permitir certos abusos, dos que falaremos máis adiante, e tampouco podía permitir a RAG, no plano institucional, delegar a responsabilidade das súas funcións normativas en ningún organismo alleo por moito creto intelectual que este tivese.

Mediante un xeneroso convenio a FPBM posibilitou reagrupar a todos os traballadores da RAG na Coruña que pasan a ocupar, despois de demoradas conversacións, un magnífico local de máis de 100 metros cuadrados, con sala de conferencias anexa, na cuarta planta da Fundación Barrié no Cantón Grande.

Non obstante, sorprendeu dende o primeiro momento que o daquela coordinador do Seminario de Lexicografía non se presentase en ningunha ocasión na sede cedida á Academia. Por suposto que as causas que motivaron esta sonada ausencia foron totalmente alleas á institución. Rematadas as negociacións, cando estaba a punto de facerse a inauguración oficial cando xa eran sumamente visitadas as páxinas do portal desencadeouse o capítulo máis triste e lamentable da Academia que deu no linchamento de Ferrín e posibilitou que abrisen o palenque do Portal das Palabras persoas totalmente alleas á iniciativa, á negociación e traballo que culminou nun convenio que aínda hoxe está a disfrutar a sociedade galega. Como aquel inocente neno orfo que entrega unha carta para o seu pai recentemente falecido, ao carteiro. Este, con elegante tenrura, contéstalle poucos días despois que seu pai xa tiña recibido a carta con éxito despois de evitar estrelas e obxectos no espazo ata o ceo.

Compartir el artículo

stats