Melfas a pote na praia

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Traduce o noso título, aproximadamente, o titular dun xornal editado en Galicia que dicía hai poucos días, en castelán naturalmente, que miles de medusas cubrían unha praia determinada. Será inútil a pretensión de comprender a expresión galega coa axuda do dicionario da RAG porque nin “melfas” nin “a pote” figuran entre os seus lemas, actualmente. Que tampouco pode ser considerado como un drama porque son moi numerosas estas ausencias en todas as linguas codificadas do mundo. Xa o dicía en 1890 un dos pais da lexicografía e da gramática, o colombiano Rufino José Cuervo, cando advertía que non debiamos atruibuírlle unha infalibilidade absoluta aos dicionarios académicos nos que abondan, polo contrario, descoidos, ignorancias e tamén barbaridades. Non obstante podemos comprobar que xa a mediados do século XVIII definiu Sarmiento este modismo adverbial, incluído nas súas coplas galegas: “La expresión gallega 'a pote' significa abundancia", lo que en Castilla “a manta” y también en Galicia “a darlles con hum pau” (‘Colección de voces y frases gallegas’, edic. de J. L. Pensado, Salamanca 1970, p. 453). A ausencia desta expresión adverbial do dicionario académico, documentada polo noso primeiro lexicógrafo, non sei se acada a categoría de barbaridade pero si rebasa a de descoido monumental.

Todos sabemos que o primeiro dicionario da lingua española, obra de Sebastián Covarrubias, falecido en 1613, é un verdadeiro tesouro, mestura de erudición e amenidade que aínda hoxe ofrece utilidades diversas. E así o recoñeceron os académicos cando na primeira edición da Real Academia Española (1726) se declaran debedores del porque “ha servido a la Academia de clara luz en la confusa obscuridad de empresa tan insigne”. Esta diferenza de trato non é máis que o síntoma de algo máis grave. Porque a Academia española que nace a imitación da francesa, acabou superándoa nos seus traballos lexicográficos; e a RAG, que naceu como emulación da española, segue con eivas preocupantes que enturbian seriamente o seu futuro e a súa auctoritas.

“É inútil comprender dita expresión coa axuda do dicionario da RAG porque nin ‘melfas’ nin ‘a pote’ figuran entre os seus lemas, actualmente”

Ben é verdade que todos poderiamos remediar as numerosas eivas do dicionario da Real Academia Galega seguindo a burla de Faulkner a respecto do seu admirado Hemingway ao que reprochaba que nunca se atrevese a usar palabras que o lector tivese que consultar no dicionario. Evitariamos deste xeito a busca infrutuosa doutras palabras do titular, esas “melfas” que nos chegan, entre outros, por medio das obras de Rafael Dieste, Manoel Antonio, Pimentel, Martínez Oca e Nerium.

Estas pequenas eivas e outras moitas carencias do dicionario da RAG deberían ser obxecto de reflexión e debate porque a nosa lexicografía, refuxiada nas universidades, nimbouse de aura científica para declarárense os lexicógrafos como donos e señores das palabras cando os falantes responsables debemos proclamar que a lingua dun país é demasiado importante como para deixala nas mans duns lingüistas que, como humanos, transmiten a súa ideoloxía e subxectividade en cada palabra que definen.

Debemos combater esa idea común de que os dicionarios son neutrais cando en realidade, como se di no círculo de Bajtín, cada palabra –cada entrada dun dicionario– por medio da definición é trasladada a termos de ideoloxía. Un medio de cambater a ideoloxía e parcialidade que nos transmiten os “amos e señores das palabras”, que proceden dun mesmo instituto, é a diversidade e o debate. Non estaría de máis que nos empezásemos por preguntar pola posibilidade dun novo dicionario impreso, inicialmente moito máis didáctico que o dixital que, polo demais, segue a manifestarse con todas as eivas e condicionantes da tradición en papel. Deberiamos diferenciar un dicionario total facilitado polos espazos ilimitados do mundo dixital dun dicionario tradicional recollido nos límites enmarcados polo papel de sempre.

Suscríbete para seguir leyendo