Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Todos somos fútbol

Antes de máis nada, entendo que sen dúbida lles debo a todos Vdes. –sempre moi amables lectores destas liñas semanais– unha explicación canto ao título que preside a presente crónica. Pois ben; a idea inicial consistía en rotulala “todos somos negros” –e onde “negros” léase así mesmo calquera outro conxunto que padeza discriminación por motivos étnicos, sociais, culturais…–; porén, acabei por desbotar a idea. O motivo de tal? Simplemente, porque acontece que é mentira iso de podermos adoptar todos, sequera fose en xeito de metáfora, semellante cor: pola parte que me toca, e por moito que conte entre os meus con xentes que se trasladaron, infelices, para a outra beira do Atlántico, que se abeiraron ao País Vasco como mellor souberon/puideron ou que mesmo foron “limpar a merda dos ingleses” ás terras da Gran Gran Bretaña, ocorre que a miña pel vén ser de europea cute branca e que nunca fun segregado, discriminado, maltratado… en ningún valo fronteirizo como asemade non tiven que cruzar o Mediterráneo en “patera” nin moito menos padecín as tribulacións dos “sen papeis” ou habitei nun ghetto. Non; coido ben que a temática da xenofobia, da intrasixencia e do racismo devén demasiado seria como para pretendermos condensala nun cartelón ‘ad hoc’. En todo caso, e antes que declarar unha (imposible) negritude, tentemos comportarnos como brancos decentes dunha vez por todas.

Para aviso de navegantes, consignarei que me sinto e quero situar a anos luz de calquera consideración, deferencia…,mínima afinidade ou equidistancia en relación cos energúmenos que o inxurian si ou tamén dentro e fóra dos estadios. Agora ben; sucede que tampouco vén resultar certo esoutro título de que “todos somos Vinicius”. Por non selo –e por fortuna para eles–, nin sequera caben nese espazo os seus compañeiros de equipo D. Éder Militão, D. Eduardo Camavinga ou D. David Alaba. E, vale: de acordo conque, aínda que sexa apenas por (entendible) solidariedade con el, e polo moi lóxico rexeitamento diante dos que o alcuman, si se veñan incluír ao cabo baixo a pancarta. Mais, para alén desoutra problemática común –que atende por fútbol e mais a súa circunstancia, e da cal tentaremos falar a seguir-–, Vinicius José Paixaõ de Oliveira Júnior si que ten un impedimento de seu: dito/escrito en bravú, pásalle que se acorda de rezarlle a Santa Bárbara apenas cando escoita desatarse a treboada sobre a súa cabeza.

“En realidade, o gran problema do fútbol –alimentado durante décadas– responde por fanatismo”

decoration

Pero se non “todos somos negros” ou “todos somos Vinícius”, si que acontece, non obstante, que “todos somos fútbol”. Ou mellor aínda: “todos podemos ser fútbol.”

Desde que teño uso de razón, foron moi moitas –e aínda continúan de cando en vez– as ocasións nas que acudín a ver partidos dese deporte/espectáculo “en vivo e en directo”. Como así mesmo foron –e asemade seguen a selo– as oportunidades nas que contemplei/contemplo as imaxes da liga, copa, champions, mundial… nas pantallas de tv. Pois ben; veñen resultar dabondo aquelas conxunturas nas que puiden oír, próximos a min, os arrebolados“piropos” dirixidos contra algúns/todos os xogadores, adestrador…, simples afeccionados do equipo contrario e aínda respecto dos seus familiares e lugar de nacemento ( e xa non digamos esoutros cara a árbitros e auxiliares).

Agora ben; puiden comprobar como así mesmo ocorre que aqueles que son capaces de abouxar, alcumar, pretender intimidar e insultar os contrarios se mostran, paradoxalmente –ou non tanto, ao cabo– indignadísimos cando os agredidos resultan ser agora os seus: no caso que nos ocupa, cando, en vez de Vinicius, os ofendidos deveñen Thierry Correia, Yunus Musah ou Ilaix Moriba. E é que, claro, unha cousa son os negros… e outra “os nosos negros".

Intolerancia, xenofobia… Reitero que en ningún caso se trata de minorar a situación, todo o contrario. Mai si de evidenciar que o gran problema do fútbol (e non só!) atende por fanatismo –ou forofismo, como Vde. prefiran–: unha lacra que, infelizmente, non só non foi atallada senón que contou aínda coa tolerancia, complicidade…, parabéns de responsables e dirixentes da cousa e aínda coa actitude pasiva –velaí as imaxes da policía escoltando centos, millares de sectarios fanáticos, cal se se tratase dunha nova marcha fascista sobre Roma– por parte das autoridades competentes. Nin antes nin despois me acorda, daquela, que calquera “vinicius” e/ou adxuntos fose denunciar a iniquidade. En fin, ignifica o vello adaxio castelán que “de aquellos barros estos lodos".

Racismo en España? Dito/escrito evanxelicamente, quen estea libre de pecado que tire a primeira pedra. Aquí, desde logo. pero así mesmo nas favelas de São Paulo ou Río de Xaneiro: esas mesmas que tanto lle deberían preocupar ao Sr. De Oliveria Júnior e a ‘tutti quanti’.

Compartir el artículo

stats