Os Camiños da Vida

No pasamento de Fernando Urcera

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Fernando Urcera Vázquez, o noso amigo, de longo tempo, faltounos días atrás. Sentimos a súa morte e decatámonos de que foran moitas as horas de harmonía pasadas en rápidos encontros ou xantares demorados, ricos nesas digresións imprecisas de que se compón unha boa e dilatada conversa.

Foi Rufo Pérez González quen levou Urcera (mediados os sesenta) a aquel círculo de lecer que nunca se alonxou da sombra proxectada pola torre do Santa Irene sobre o bairro das Travesas, Vigo. Roberto Dopazo tamén estaba alí, e venme á memoria o tempo no que falabamos moito de Samil e das sucesivas e indesexabeis transformacións da súa zona de praia. De paso para o Museo de Castrelos, Pedro Díaz colocoulles, aos reunidos no Gran Vía, un belo canto á Praia de Samil cando ela era un paradiso dunar non profanado polos piñeiros.

Entón, Roberto Dopazo mencionou vellos mapas nos que, a de Samil, recibe o nome de Praia de Navia. Urcera interviña nestas ondas de divagación múltiple. Un estoupido de luz cegadora fíxonos calar a todos: os topónimos Navia e Samil aparecían unidos por sorpresa. Navia fora unha deusa galaica das augas. Posibelmente deusa de todas as augas da Gallaecia. O seu poder perpetúase na nomenclatura de poboacións e de ríos nosos. Navia, Návea, Neiva son avatares onomásticos que revelan a presenza da deusa acuática, desde Asturias ao Portugal do Douro. Á luz do indoeuropeísmo, pódese falar dunha poderosa deidade Nana-Avia, ou sexa “Auga Nai”.

"Sempre haberá quen se pregunte por aquel Salamirus que inmortalizou o seu nome no Samil vigués cuxo deterioro segue a ser obxecto da preocupación"

Pero Urcera insistía en Samil, co cal emerxeu, desta e de conversas sucesivas nas que se personaron lingüistas, a figura enigmática dun señor da terra que, na época sueva, usaba o nome, xermánico romanzado, de Salamirus (“o posesor dunha grande casa”). De Vila Salamiri sairía o Samil que, naquela tempada, centraba as preocupacións de Urcera.

Aínda máis voltas lles demos aos nomes menores da praia de Samil, incluídos os da Foz, do Laxón, ou dese Cocho das Dornas incrustado nunha ría na que hoxe non hai dornas nin parece que as houbese no pasado.

Velaquí un dos varios temas que poderían suscitarse en conversas con Fernando Urcera e outros amigos curiosos do círculo cuxo centro ocupaba o matemático Rufo Pérez. Acaba de falecer Fernando Urcera e unímonos a súa familia no dó. Sempre haberá quen se pregunte por aquel Salamirus que inmortalizou o seu nome no Samil vigués cuxo deterioro sigue a ser obxecto da preocupación de moitos veciños de onte e de hoxe.

Suscríbete para seguir leyendo