Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

Manuel de Castro, Handicap

Tras aquel libro pioneiro de Gerardo González Martín, ‘Handicap creó el Celta’ (Ediciones Cardeñoso 2011), o galipedista pontevedrés Adrián Estévez Iglesias presentou a pasada semana ‘Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón’ (Galaxia 2023), a primeira biografía en galego de Handicap, o xornalista deportivo, primeiro adestrador da selección galega de fútbol e figura clave hai un século na fundación do Celta de Vigo. Primeiro título da colección “O noso deporte” da editorial Galaxia, o libro de Estévez ademais de investigar aspectos biográficos e familiares novidosos do xornalista nacido en 1885 no número 89 da viguesa estrada de Baiona (actual Pi e Margall), especialmente as súas viaxes por Europa con motivo dos xogos olímpicos de Antuerpen (1920) e París (1924), documenta outras cuestións relacionadas coas orixes do fútbol en Vigo, coa creación do Celta, a construción do estadio de Balaídos e o desenvolvemento do equipo até o seu ascenso a Primeira, coa pegada do deporte na cultura galega e no galeguismo ou sobre a prensa deportiva viguesa das catro primeiras décadas do século XX.

Adrián Estévez esculca nas orixes do fútbol vigués, vinculado a comezos do século XX aos “rapaces ben (coñecidos como ‘sportman’) de familias dedicadas á triloxía mar, industria e conserva” e ao fenómeno do domingo libre, declarado dende a lei de 1904, o que provocou a aparición dun público, as clases populares para as que “o deporte era un espectáculo recreativo que contemplar, mais nun principio aínda sen participar”. Non esquece a orixe portuaria do fútbol na cidade nosa, cuxos primeiros partidos xogaron, a finais do século XIX, mariñeiros ingleses que recalaban no porto e traballadores do Cable Inglés. Como tamén que a sociedade Arte y Sport, creada en 1903 por alumnos da Escola de Artes e Oficios, mudou o seu nome polo de Vigo Foot-ball Club o 22 de maio de 1905 e adoptou como equipamento as cores identificativas da bandeira da provincia marítima de Vigo: camiseta con dúas franxas verticais branca e vermella e pantalón branco. Recupera Estévez ademais aquel primeiro campionato de Galicia celebrado no Malecón, nos recheos do peirao, no mes de agosto de 1905, no que ademais do organizador, o Vigo F.C., participaron outros catro equipos vigueses: Hispania, Marítimo, Murcia (formado por sarxentos do rexemento militar) e Fortuna, club que en xaneiro de 1908 comezaría a xogar en Bouzas.

“Adrián Estévez aborda [no libro biográfico de Handicap] o sentimento galeguista deste xornalista deportivo”

decoration

Adrián Estevez reconstrúe a traxectoria xornalística de Handicap, dende a súa primeira publicación o 16 de febreiro de 1909, cando tiña apenas vinte e tres anos, unha crónica en FARO DE VIGO entre o Exiles (primeiro club de fútbol fundado en Vigo por oficiais do Cable Inglés do que xa hai noticia en 1876) e o Vigo F.C., que dende o ano anterior xogaba en Coia, a primeira catedral do fútbol vigués, onde se reunían máis de sete mil espectadores, até a apertura o 30 de decembro de 1928 no val do Fragoso, a carón do río Lagares, de Balaídos, topónimo que significa lugar onde abondan as abeleiras. Crónicas futbolísticas nas que Handicap acuñará un estilo de seu, caracterizado polo emprego de anglicismos e adxectivacións esaxeradas e por unha estrutura do artigo iniciada pola introdución dos equipos, centrada despois na narración do xogo e rematada cunha conclusión, na que dende a súa viaxe a Antuerpen adoitaba falar da importancia do apoio do público no campo. Crónicas publicadas nas páxinas de FARO DE VIGO, como as súas “Notas deportivas”, durante trinta e cinco anos, mais tamén noutras cabeceiras viguesas como ‘Letras y Deportes’ (1909), primeira publicación deportiva de Galicia; ‘Machada’ (1914), revista humorística; ‘Vida deportiva’ (1916); ‘Sprint’ (1927), semanario deportivo vinculado ao decano, que competía con ‘Sport’, ligado con’ El Pueblo Gallego’; ‘Horizonte’ (1932) e ‘Hoja de los lunes’ (1936), que chegaría a contar co seu propio suplemento deportivo, ‘Imán’ (1942).

Adrián Estévez aborda o sentimento galeguista de Manuel de Castro, un home de dereitas que apoiou aos franquistas no 36, expresado tanto na súa colaboración efémera na revista ‘Nós’, onde apareceu, probablemente traducida, a crónica en galego da final da Copa do Rei (1922), como e sobre todo pola súa convicción, compartida con Pepe Bar e Juan Baliño Ledo, que a unión do Vigo Sporting e o Fortuna debía dar pé a un equipo forte que servise para representar a Galicia nos campionatos de España. Convicción que levou aos fundadores a escoller o nome do novo club, finalmente entre Breogán e Celta, e a engadir no escudo, a partir de 1928 e a proposta de Baliño, a cruz de Santiago, como emblema para representar a Galicia.

Recomendo vivamente esta excelente e ben documentada monografía sobre a figura de Manuel de Castro, que amplía a temática da bibliografía galega do centenario celeste.

https://bretemas.gal/

Compartir el artículo

stats