Segunda Feira

Tempo de curros

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Estamos no tempo de reunir as bestas do monte. Polo menos nesta Terra de Turonio na que o autor reside, os curros comezan no da Valga, na serra da Groba, e vanse sucedendo cada domingo polo regular. Facer o cordón a pé, ir axuntando as greas e baixalas até as fechar no curro, inician o conxunto dos labores principais deste traballo ancestral e colectivo. Ollando as insculturas prehistóricas galegas, marabilla que lle descubrira ao mundo Ramón Sobrino Buhigas, sentimos nas entrañas unha especie de vértigo.

A raza ancestral do cabalo indíxena resiste en Galicia unha contaminación que é secular. Clásicos maiores, coma Plinio, insistiron no tópico meliorativo de que as eguas ou bestas galegas empreñaban do vento de Oeste que tan ben sopra sobre as greas que se van xuntando nos curros que se suceden da Chan do Cereixo ao Galiñeiro, esa eminencia que preside, ao lonxe, a primeira urbe de Galicia, Vigo. Fora de Galicia, eu só sei dun único curro europeo de cabalos ceibes, e este celébrase no noroeste da Alemaña.

Trátase do cabalo galego do monte, como insistía en chamarlle o inesquecíbel Juaquín González Troncoso, que se acha hoxe recoñecido oficialmente coma PRG: Pura Raza Galega ben definida pola autoridade competente e referida nun libro de rexistro en vixencia. Os criadores vanse adaptando ás normativas que impón a época, e o cabalo ceibe sobrevive a extinción economicista do toxal e dos panascos do monte baixo. A forestación brutal e invasiva ameaza de morte os cabalos, e todo o gado e habenza en réxime de liberdade, alén de orixinar fatalmente incendios cos cales a Natureza responde ao malfeito.

“A raza ancestral do cabalo indíxena resiste en Galicia unha contaminación que é secular”

E velaquí que vén á miña memoria hoxe un cabalo galego que foi criado para Xulio César, segundo aseguran crebas que sobreviviron dun texto do grego Dion Casio (230 despois de C). No conto, César ten como favorito un cabalo galego cos cascos dianteiros fendidos, o que o converte en monstruoso. Como atributo deste cabalo dise, (home non!) que este só se deixaba montar e rexer polo seu ilustre amo.

Sobre o animal, César someteu Brigantion, sempre segundo Dion Casio, cidade de Kallaikía, ou Galicia, que no relato, irlandés e medieval, fundara ese mesmo Breogán que se eterniza malencónicamente no Himno Galego. Os cabalos galegos foron moi eloxiados como resistentes e veloces mesmo nos ásperos camiños de montaña. Silio Itálico (102 despois de C.) transmítenos a crónica dunha corrida que se celebrou en Hispania e na que participou un cabalo galego de nome Lampón. Este turrou moi ben dun carro cuxo auriga usaba o alcume olímpico, e vagamente británico, de Cyrnos. Non gañou a proba pero recibiu de Escipión un merecido trofeo. Recórdao moi ben Manuel Cabada Castro no seu estudo sobre 'A Rapa das Bestas de Sabucedo' (‘Ir Indo,‘ Vigo, 1991). Remexamos nos clásicos grecolatinos: sempre acharemos eloxios do cabalo galego do monte. Examinemos os petroglifos das Laxes e alí veremos correr cabalos inmobeis por riba do tempo.

Suscríbete para seguir leyendo