O exdirector de ‘Le Monde Diplomatique’ e consultor da ONU Ignacio Ramonet (Redondela,1943), estará en Vigo hoxe para analizar as diferentes e coincidentes crises que abalan o mundo neste 2023. Convidado pola asociación cultural Pertenza e presentado pola xornalista de FARO DE VIGO Mar Mato, Ramonet falará de “O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise” no salón de actos da EMAO.
Profesor emérito de Teoría da Comunicación na Universidade Denis Diderot de París, doutor Honoris Causa por cinco universidades internacionais, entre as cales a USC, Ramonet, un dos lideres intelectuais do movemento antiglobalización, creador da frase “outro mundo é posible”, cando o pasado mes de febreiro foi entrevistado para este diario por Salvador Rodríguez deixaba claves a termos en conta: que o inimigo de EE UU é China, non Rusia, que existe un modelo común entre a ultradereita americana e a europea, cás mobilizacións multitudinarias deixaron á esquerda sen o seu tradicional método de protesta ou como a xente descubre coa pandemia e os seus nove millóns de mortos e más de mil millóns de doentes, que non estabamos tan ben gobernados como se pensaba.
Por outra banda, o cambio climático mundial, supón para o consultor da ONU, un desafío de consecuencias imprevisibles, con secas, incendios, fames e enfermidades, que non é posible enfrontalas coas ferramentas do século pasado. Ramonet é recoñecido como un gran especialista en xeopolítica e estratexia internacional. Falará do que supuxo a pandemia da COVID-19, durante case tres anos (2020 a 2022), que fixo estarrecer o planeta. Unha pandemia, que ningún poder puido controlar, deixando unha forte marca na xente nova. Para o fundador e presidente de honra de ATTAC e da organización Media Watch Global o cambio climático, con secas, incendios fames e enfermidades, é un desafío de consecuencias imprevisíbeis que non se pode combater coas ferramentas do século pasado, ao igual ca guerra de Ucraína, un conflito de dimensión mundial e consecuencias económicas globais para alén da dimensión militar que podería chegar a desembocar nunha catástrofe nuclear.
Os grandes desprazamentos migratorios causados pola violencia e a fame, os impactos imprevistos polas innovacións tecnolóxicas e a intelixencia artificial no campo da comunicación de masas e redes sociais, acompañados dos movementos emerxentes da extrema dereita, que Ramonet describe no seu ultimo libro: ‘La era del conspiracionismo. Trump, el culto a la mentira y el asalto al capitolio’ (Editorial Siglo XXI), son outros dos aspectos que serán abordados hoxe polo conferenciante.
Hai respostas para estas crises producidas simultaneamente e entrelazadas, a carón dunha ONU ou dun Consello de Seguridade ineficaces? Cuns gobernantes, acó e aló, desorientados e incapaces de comprender os retos e desafíos que acontecen a escala global, esta policrise está producindo uns impactos e traumas desconcertantes na cidadanía, que reclama outra mirada e novas propostas de solución.
*Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza