Acción Solidaria + Suscripción Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Attilio Rossi e Luís Seoane

Despois de moitos anos de busca infrutuosa, nunha recente visita a Milán, dei por fin cun catálogo, que recollía a obra pictórica de Attilio Rossi (1909-1994), dunha mostra antolóxica de 1996. O feliz achado, ocorrido na moi antiga (1775) e singular Librería Bocca, levoume á lembranza que o motivou: a profunda admiración que sempre dispensou Luís Seoane a este ilustre exiliado italiano que, fuxindo das gadoupas do fascismo, chegara a Bos Aires en 1935, acababa de casar e levaba o matrimonio como garantía de supervivencia, sempre lixeiros de equipaxe, unha carta de presentación do seu amigo Cesare Zavattini para algúns intelectuais arxentinos, Eduardo Mallea, José León Pagano e Mujica Lainez.

De familia humilde procedente dun pobo, Albeirate, que dista apenas trinta quilómetros de Milán, comezou a traballar con 14 anos no taller dunha imprenta onde se familiarizou cos saberes do oficio, como caixista, compaxinador e tipógrafo. Completará esta formación na Scuola do Libro de Milán patrocinada pola histórica Società Umanitaria, de tradición laica e obreirista, moi distanciada das escolas de tradición relixiosa inspiradas por don Bosco. Será esta faceta das artes gráficas, e non a súa, polo demais, brillante carreira pictórica, que concita a atención e admiración do seu amigo Seoane, necesitado de completar a súa formación gráfica, adquirida nomeadamente no humilde taller de Anxel Casal en Santiago. Ese aire de elegancia e modernidade que conservan os libros de Seoane gardan un inevitable parentesco artístico cos de Attilio Rossi que xa en 1932 fundara un estudo gráfico en Milán desde o que traballará para Valentino Bompiani e funda e dirixe, cun grupo de recoñecidos tipógrafos, a revista ‘Campo Grafico’, gran intento de levar ás artes da edición italiana a arte moderna e vangardista.

Xa na Arxentina, nada máis fundarse en agosto de 1938 edicións Losada, o seu máximo accionista e presidente, Gonzalo Losada, encarga a Attilio Rossi o deseño da súa marca editorial, a inicial “L” maiúscula laureada cun simbólico gallo de loureiro. Centenares de miles de lectores sostivemos nas mans libros sen advertir o afortunado deseño e moito menos ao seu creador. Da súa autoría serán tamén os selos distintivos da maioría das coleccións desta editorial; como síntese da súa capacidade creativa abonda con examinar o libro que ilustra e dirixe en 1938 para o número catro da colección “La Pajarita de papel” (George Kaiser, Gas. Un día de octubre de la mañana a la media noche) e que formou parte de numerosas exposicións bibliográficas en todo o mundo.

Da obra de Attlio Rossi ocupáronse en distintos momentos e diversos medios Arturo Serrano Plaja, Otero Espasandín, Lorenzo Varela, Enrique Azcoaga ou o mesmo Luís Seoane; pola súa parte, Rafael Alberti agasallará a Seoane e Rossi con sendos poemas á súa respectiva obra pictórica, que comparten tamén ambas un constante debate entre figuración e abstracción.

Pero probablemente o máis simbólico acto de solidariedade entre os dous artistas sexa o constituído pola publicación non venal titulada ‘Como se imprime un libro’ (1942) que sae do prelo o 20 de abril de 1942, según reza o colofón da mesma, como publicidade da imprenta López con ocasión de cumprirse cincuenta anos da súa fundación. Ao nome de Rossi temos que engadir o de Seoane e o do artista gráfico austriaco Jakob Hermelin, exiliado desde 1936 na capital arxentina. Colaboraron como fotógrafos nada menos que Horacio Coppola e Grete Stern. Unha das máis oportunas e brillantes mostras da Fundación Seoane foi a exposición que en 2018 dedicou a este libro, comisionada por Silvia Longueira e realizada por David Carballal. Un acto de recoñecemento ao zar da edición galega, Luís Seoane, e aos seus mestres, Attilio Rossi e Jakob Hermelin. Beizóns.

Compartir el artículo

stats