Os Camiños da Vida

60 anos de Fundación Penzol

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Fermín Fernández Penzol-Labandera foi o modelo perfecto de “galego extramurado”: como Eamon de Valera o era de irlandés en Manhattan. Fillo de pai berciao, foi nacer en Sahagún e o marcaron a fogo os veráns infantís pasados na Asturias Occidental materna, xusto naquel Castropol galegofalante no que tamén xogara de pícaro Dámaso Alonso. En Madrid, onde vivira o Sarmiento extramurado, Penzol fundou, sendo alumno da Universidade Central, a sociedade independentista Galicia Céltiga, na que debrocou a enxurrada do seu patriotismo.

Penzol reuníu unha das bibliotecas privadas de temas galegos e portugueses máis completas do país. Integrouse nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista; neste, incluso na clandestinidade antifranquista máis próxima á liña de perigo. Dooulle á Editorial Galaxia os seus libros e arquivo persoal. Finalmente, na Transición ou Reforma, Penzol seguiu Emilio Martínez López até un reconstruído Partido Galeguista, co cal se arredaba da liña de Ramón Piñeiro.

“Penzol reuníu unha das bibliotecas privadas de temas galegos e portugueses máis completas do país”

Foi patrón natural da Fundación que leva un dos seus apelidos e custodia os seus fondos bibliográficos e documentais. En maio de 1963 inaugurouse a Biblioteca Penzol e abriuse ao público no número 24 de Policarpo Sanz, Vigo. Na ocasión, houbo unha lección maxistral de M. Rodrigues Lapa que chegou á intelixencia e ao corazón de persoas vindas a Vigo para o acto, de todos os puntos de Galicia. Estamos a celebrar, pois, os sesenta anos do acontecemento da habilitación para uso público da Biblioteca Penzol de Vigo. Lembro paredes forradas de lombos de edicións nobres e, enmarcados, documentos con carimbos e sinaturas de reis medievais de Galicia. Todo, compuña unha sorte de porta aberta ás mil eras e relatos que constitúen a torgueira da nación negada. A efixie de Castelao era visíbel na sala de lectura. Por alí, corredores escusados conducían a certas zonas nas que se reunían mozos activistas como Moncho Reboiras ou Pepe González Martínez. Personalidades novas das letras, digamos Xohana Torres, redactaban os textos do programa Raíz e Tempo que se atrevera a pór en mans do nacionalismo a empresa de Radio Vigo. Todo o cal explica o asalto nocturno á Penzol acompañado de rexistro irregular, que perpetrou a BPS en 1970, pretendendo, infrutuosamente, achar probas de alí funcionar un centro de propaganda antifranquista.

Desde a súa mesa de dirección, Paco del Riego estaba ao tanto de todo, e de moito máis. Despois, en 1985, Fundación e Biblioteca trasladaríanse a antiga Casa Consistorial, co cal a institución resultou felizmente posuída polo espírito nobre e republicano de Eduardo Chao. E aí, florece hogano, na Casa Galega da Cultura, entre as belas Prazas da Princesa e da Constitución, sempre en Vigo.

Suscríbete para seguir leyendo