Voyager

Pechado por festivo

Ledicia Costas

Ledicia Costas

A Real Academia Galega celebrou a sesión extraordinaria e pública co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego o pasado mércores 17 de maio en Lourenzá, a localidade natal do homenaxeado. A historia desta data comeza o 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, cando os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a súa celebración a través dun texto presentado á Real Academia. Solicitaron consagrar o simbolismo desta efeméride nunha celebración anual dedicada a “honrar os nosos libros”. O 17 de maio de cada ano viría a ser a “data destinada a recoller o latexo material da actividade intelectual galega”.

Pechado por festivo

Del Riego, na Academia Galega. / Ledicia Costas

As cousas mudaron moito nestes sesenta anos que transcorreron desde esa proposta que deu como froito o nomeamento da primeira autora homenaxeada: Rosalía de Castro. No ano 1991 declarouse o carácter de festividade oficial en Galicia o 17 de maio, pensada para desenvolver actos dedicados a conmemorar a cultura galega e honrar e difundir a memoria da persoa homenaxeada. O 17 de maio é o día grande da Real Academia Galega e tamén debese selo de toda a sociedade civil, coa lingua galega sempre no centro.

A realidade é que a situación da lingua galega é delicada. A cadea de transmisión do idioma é débil. Cada curso escolar visito máis dun cento de escolas e vou acumulando experiencias que ilustran o momento que está vivindo a lingua en Galicia. Hai unhas semanas, fun recibida nunha escola por unha profesora de lingua galega que falaba castelán. Non lle escoitei nin unha soa palabra en galego nos sesenta minutos que estiven alí. Noutra escola, meses atrás, achegóuseme outra mestra de galego para contarme que escribira varios libros de poesía en castelán porque, usando as súas propias palabras, “se queres chegar a algo sendo escritora, hai que facelo en castelán porque o galego para iso non serve”. Eu contesteille que as obras literarias convértense en universais a través das traducións, e que un dos orgullos máis grandes é escribir unha obra nunha lingua minorizada e ver como chega a outros sistemas literarios.

O 17 de maio aproveitei a tarde para pasear polas rúas de Santiago de Compostela. Foi un pracer atopar aberta a Libraría Couceiro (que o fai por militancia e por pura convicción), e poder conversar rodeados de libros. De feito, os libreiros sacaron os libros á praza e pareceume emocionante ese esforzo. Coincidimos na idea de que o Día das Letras perde impulso ao ser festivo. Alén das celebracións arredor da figura homenaxeada, un dos motores fundamentais desta data (como sucede no Día do Libro), son as librarías. Que estean pechadas supón perder unha oportunidade de visibilizar os nosos libros e compartilos coa sociedade civil a través desa función de divulgadoras que tan ben desenvolven as librarías e que tanto necesitamos. “É coma se a catedral estivese pechada no Día do Apóstol”, comentouse. Esta comparación fíxome reflexionar, polo atinada que me pareceu e por todo o que implica.

Gustaríame que o Día das Letras Galegas culminase cada ano cun serán coas librarías como punto de encontro entre autoras e público lector, un día para facer músculo, para ter a oportunidade de atoparnos con esas persoas que nos len. Ese sería un xeito bonito de coidarnos unhas ás outras e de, como solicitaron os académicos aquel 20 de marzo de 1963, honrar de verdade os nosos libros.

Suscríbete para seguir leyendo