Hoxe domingo ás 12:00 no Adro de Darbo terá lugar un evento sorprendente que atende o nome de Enredanzas. É un proxecto de colaboración entre a maioría dos colexios de Cangas (CEIP Nazaret, A Rúa, Castrillón, San Roque, Espiñeira, O Hío, CPR Sagrada Familia, Compañía de María, Eduardo Pondal, IES Monte Carrasco) e a Escola e Conservatorio Municipais de Cangas en torno á danza e á música. A música foise preparando ó longo deste curso na Escola e Conservatorio Municipal de Cangas involucrando ó alumnado de diferentes instrumentos. A preparación das danzas recaeu nas profesoras e profesores de música dos diferentes centros de ensino implicados baixo a tutela de Suso Cancelas.

A semente nas persoas prendeu no fin de curso 2021-22 cando na Escola de Música e Conservatorio varias profesoras e profesores colaboraron no concerto de fin de curso unidos por un programa de música tradicional. Esa semente non prendería igual de non ser pola confluencia co alumnado máis adulto, mestres e mestras de Infantil e Primaria que asisten a clase de instrumento porque o saber non ocupa lugar nen ten idade. Pero a semente da danza prendeu no ser humán dende o principio dos tempos para celebrar, para conxurar, para ofrecer.

A danza, as Artes, levan ás costas unha parte técnica convivindo cas musas. Segmentar o tempo, estructuralo, para programar unha aprendizaxe conleva unha rixidez que non axuda. Mover estructuras instaladas ou consolidadas non é doado pero con ilusión e cariño todo é posible. Na Escola de Música, no Conservatorio, nos Centros Educativos implicados hai persoas capaces de bogar sen remos se é preciso. Compre crer no que se fai.

Un músico galego de recoñecido prestixio decía que a música ben podría ser a arte de combinar horarios. Cando o escoitei non cheguei a entender o que se escondía tras esas palabras, agora sí.

A primeira acepción de “enredar” que aparece no Diccionario da Real Academia da Lingua Galega é “envolver unha ou varias cousas de maneira desordenada, formando un enredo difícil de desfacer”. A cuarta apunta a “perder o tempo”. A sexta acepción fala de “facer cousas que sirven de diversión ou entretemento”.No caso que nos ocupa o enredo foise ordenando coa intención de manter a dificultade para desfacelo. Haberá quen pense que danzar é perder o tempo, unha actividade económicamente improductiva. Mesmo sentir terá seguramente respecto á literatura, á pintura, ó teatro, á música.

Nestes tempos onde ó individual está a gañar o pulso ó colectivo Enredanzas ven a deixar un berro que arrincone o “divide e vencerás” promovendo a cooperación, apostando pola axuda mutua. Suso Cancelas, o noso mestre de Danza, ensinou ó profesorado as danzas. De cada colexio viñeron á Escola de Música para recibir esa sabiduría e voltaron con ela espallándoa entre o alumnado.

Como ben dí o noso compañeiro Ze Pumar hoxe en día bailar un “agharrado” ben puidera convertirse nun acto revolucionario.