Os camiños da vida

O rapto de Europa

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

“Europa era a belísima filla de Axenon. Desexouna Xúpiter, quen lle ordena a Mercurio voar a Fenicia e roubar as vacadas dos seus montes e acurralas até a praia onde Europa soía xogar con outras raparigas. Fíxoo así Mercurio, e Xúpiter converteuse nun touro branco que axiña se sumou ao arrabaño. Europa gustou do porte e da mansedume do boi colludo e aloumiñábao moito coas súas mans. Montouno Europa, pois. Aos poucos, Xúpiter, sempre na forma de touro branco e fermoso, foi levando Europa no lombo até o mar. Cruzando este, o touro Xúpiter arribou a Creta, onde recuperou a propia figura. Uniuse a Europa, empreñándoa decontado. E ela pariu, para Xúpiter, Minos e outros fillos. Foi entón cando o Pai dos Deuses lle puxo á terza parte do Orbe o nome de Europa”. Coas verbas anteriores, Giovanni Boccaccio, en Xenealoxía dos deuses paganos, contoulle ao mundo a fábula do Rapto de Europa que eu tratei de anosar. Os que desexen revivir tal acontecemento mítico, poden achegarse a Samil (Vigo) para alí admiraren a escultura que, sobre tal tema, nos deixou Juan Oliveira.

Boccaccio, que pasou boa parte da vida (1313-1375) traballando nesta Xenealoxía, bebeu, coma fonte primeira do conto de Europa, n’As Metamorfoses de Ovidio, cuxa potencia e orixinalidade non pretendeu emular. En realidade, Ovidio é insuperábel neses versos nos que Europa se vai encariñando co belo touro branco e o palmea nas illargas e mete flores na boca do divino animal, que relouca dando tombos na herba. A tradución galega d’As Metamorfoses que lle debemos a José Antonio Dobarro Pousada corren ben e próximas da habilidade ovidiana para poetizar a gradación do desexo en deuses e en humanos.

"A bela fenicia mutou en símbolo de feituría, fíxose mercadora de chilindradas e traballa para expulsar a Marx"

O arreguizo de ser e non ser no fío do imposíbel que representan os deuses dos indoeuropeos pasa da prehistoria á poesía clásica e ergue a súa cúpula dourada en Ovidio. Alí figura Europa: o imposíbel, o inestábel; tanto, coma o seu nome, que pasa a significar “Occidente” cando marcaba o sitio onde o sol se amosa. Todo no relato de Europa é ambivalencia, viscosidade tornasol, o que ben se percibiu pasado 9 de maio cando a celebración, pobre e filistea, do Día de Europa, entendendo por tal esoutra Europa raptada polos EE UU para ser comunidade do Carbón e do Aceiro co fin de erguer un muro contra o socialismo real. Daquela, e despois de Robert Schuman, a bela fenicia mutou en símbolo de feituría, fixose mercadora de chilindradas e traballar para expulsar Marx, como quería Platón que se fixese cos poetas, fora das murallas da Cidade. No fondo da memoria ouvense voces e elas teñen a dozura traizoeira do cantar das sereas. Pero ese é outro mito, que tamén ameaza.

Suscríbete para seguir leyendo