Unha historia de ducias de mulleres e un home

Ana Míguez

Ana Míguez

Estou a falar do Grupo de Empresas Alvarez e de Moisés Alvarez.

Era principios dos anos 70 cando aínda as mulleres precisabamos facer o Servizo Social substitutorio do Servizo Militar que impartía a Sección Feminina da Falanxe ou a Igrexa.

Dito isto, esta historia comeza na fábrica de Álvarez de Vigo en Cabral e, en concreto, nas escolas que a Empresa tiña nas vivendas construídas en fronte da factoría.

Neste Grupo de Empresas, onde maioritariamente traballaban mulleres, eu, como responsábel do Departamento de Asuntos Sociais fun consciente da necesidade de informalas sobre os anticonceptivos, absolutamente prohibidos e demonizados pola Igrexa e polas autoridades civís.

Precisamente polo que apuntei ao comezo, xustifiquei perante a Dirección da Empresa a necesidade de utilizar estas antigas escolas para impartir o Servizo Social co acordo da Sección Feminina, consistente en bordado, costura básica e elaboración de bonecos.

Toda vez obtida a autorización, faltoume tempo para convencer á formadora da Sección Feminina da conveniencia de compaxinar a súa formación tradicional coa introducción de profesionais sanitarios que informasen ás mulleres sobre anticonceptivos. No seu favor, debo dicir que dende o principio estivo receptiva, mesmo sabendo que podía sofrer unha forte sanción por parte da súa xefa e autoridades.

Comezou a informar ás mulleres a miña parella, médico de profesión; mais non pasou moito tempo antes de que a policía me chamase en dúas ocasións, pois alguén denunciara que o que alí se facía era falar de anticonceptivos e o que, por suposto, eu neguei unha e outra vez. Houbo unha terceira chamada, nada menos que á máxima autoridade da Empresa, D. Moisés Alvarez, quen me convocou perante a súa presenza

Non lle neguei nada, dándolle un argumento que sabía que lle daría para cavilar, como así foi. Aleguei ao respecto que tiñamos un absentismo laboral moi alto derivado dos embarazos e das baixas por maternidade, o que estaba a supoñer grandes perdas económicas para a Empresa. Presenteille un estudo do último ano referido a estas baixas que abranguían a todo o Grupo de Empresas. Ollouno, e nunca esquecerei a súa cara cando me mirou fixamente durante un intre que me pareceu un século.

A resposta non demorou. Foi resposta de empresario: “Siga adelante”.

Saín do despacho tan contenta que me faltou tempo para falar coa recén licenciada, feminista e amiga, a doutora Celia Miralles quen se comprometeu a impartir todas as charlas dende entón. Xusto é dicir que foi absolutamente importante a complicidade e apoio do Xefe de Persoal máis do Director Xeral.

Comezamos por informar en horas de traballo a todas as mulleres das fábricas de Cabral, Coruxo, Pontesa, O Porriño e Zona Franca.

Mais como xa dixen, os anticonceptivos estaban prohibidos e os médicos maioritariamente non estaban polo labor de facilitalos. Lembro como n’O Porriño un destes médicos, cando as mulleres lle pedían os anticonceptivos, tiraba de vademécum bíblico, libro principal no seu despacho de home de ciencia co que deseguido diagnosticaba “pecado” por pretenderen evitar embarazos.

Ás mulleres, ao longo dos séculos, negáronnos dereitos fundamentais, este era un máis. Cada vez que algunha me dicía que o médico non llos receitaba, aconselláballe que lle dixese que tiña frecuentes sangrados obrigándoo a receitarllos para así regularen. Esta trampullada utilizouse durante moito tempo, se ben ao pouco un amigo farmacéutico, correndo un grande risco, aceptou facilitar anticonceptivos ás mulleres que o precisasen e fosen da miña parte.

Eu contaba cun fondo para ser utilizado por calquera trallador ou traballadoraba, de xeito puntual, en caso de necesidade e que, grazas a isto, moitas mulleres puideron ir a Londres a abortar. Ían soas, nunca subiran a un avión e aínda que no aeroporto inglés agardábaas persoal da clínica, non é dificil imaxinar o medo e a inseguridade que estarían a padecer. Só as acompañaba a seguridade de que á volta o seu posto de traballo estaba garantido, previo descanso remunerado dunha semana e coa absoluta certeza da salvagarda do seu anonimato.

Conteille esta historia o meu admirado Carl Djerassi, descubridor da pílula anticonceptiva e Premio Alecrín 2009. Unha historia de mulleres, de mulleres galegas e dunha empresa única que sen querer beneficiounas en base ao seu interese empresarial.

Este feito tamén foi inédito deste Grupo de Empresas onde unha vez máis o paternalismo e a complicidade da dirección estivo presente.

Suscríbete para seguir leyendo