Orgullosos e orgullosas desta terra

Amelia Perez*

O 17 de Maio é́ festivo na nosa comunidade. Mais esa festividade vai alén dun día de descanso e de lecer: é́ a festa da lingua galega. Neste ano 2023 chega á súa 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaısta e editor Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). Este ilustre persoeiro traballou de xeito incansable toda a súa vida na difusión e defensa da lingua e da cultura galegas.

Orgullosos e orgullosas desta terra

Orgullosos e orgullosas desta terra / Amelia Perez*

Foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, en 1950, xunto a Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e outros destacados intelectuais da época. Era un tempo difícil, no que se sufría a persecución continua por loitar dende a cultura a prol da liberdade e a democracia. Dentro da súa longa traxectoria, destaca tamén que chegou a ser presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou entre 1997 e 2001.

O pobo galego é afortunado. Temos unha historia, unha cultura e unha lingua de noso, e nomes que traspasan as nosas fronteiras: Rosalía, Cunqueiro, Pondal, Castelao… Ao ser o idioma parte do patrimonio inmaterial de Galicia, os traballadores e traballadoras asumimos a responsabilidade de coidalo, protexelo e difundilo, como manifestación de cidadanía responsable. O galego pertencelle a toda a sociedade; é́un tesouro colectivo que debe manterse alleo a calquera tipo de confrontación.

Para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, o dereito a expresarse na lingua galega é́ irrenunciable, pero esta liberdade é limitada se non se promove o seu uso cotián en todos os ámbitos, non só nos culturais e educativos, tamén nos administrativos, xudiciais e outros.

Estamos en ano e mes electoral, e temos que dicir que rexeitamos a aqueles que se opoñen a esta riqueza, mesmo a deostan, e tentan coartar o uso da lingua propia. Mentes pobres… Desde CCOO coidamos que é́a nosa obriga reivindicar que o galego sexa elemento de concordia e unidade nas campañas electorais, e rexeitamos de raíz os discursos intolerantes, discriminatorios e a tentación de asumir como identidade partidista o uso da lingua galega.

Dicía Fernández del Riego que Galicia vive porque ten unha aspiración e unha obra de vida. As CCOO de Galicia seguiremos traballando a prol desa aspiración e desa obra, orgullosos e orgullosas do noso país, da nosa cultura, da nosa historia. En definitiva, orgullosos e orgullosas de pertencer e defender esta terra galega e as súas xentes.

Neste sentido, convidamos a todas as galegas e galegos a participaren nos actos que se convoquen con motivo do día grande das nosas letras.

*Secretaria Xeral de CC OO de Galicia