O rexurdimento de Don Paco

Fernández del Riego, na Fundación Penzól en 2004.

Fernández del Riego, na Fundación Penzól en 2004. / Alfonso Rueda Valenzuela

Alfonso Rueda

Alfonso Rueda

Adoitamos coñecer como homes ou mulleres do Renacemento a aquelas persoas que teñen un apetito singular por saber, unha enerxía inesgotable para crear e unha imaxinación sen máis límites dos do propio Universo. No caso de Francisco Fernández del Riego, “Don Paco” para os centos de persoas que o querían e admiraban, esta expresión é certa por partida dobre.

Por unha banda, porque a febril actividade intelectual de Fernández del Riego fixo que a súa pegada se notase en boa parte da produción cultural galega do século XX, ora directamente, ora baixo un dos seus múltiples pseudónimos, ora guiando e revisando a obra dalgún dos moitos autores que apadriñou. A súa vocación foi máis de director de orquestra que de solista, e así foi como fixo mellores a todos os que o rodeaban.

Pola outra, Fernández del Riego foi un home do Renacemento no sentido máis literal. A el se lle pode atribuír boa parte do progresivo rexurdir da lingua e a cultura galega despois da guerra civil. Soubo aproveitar as gretas da longa noite de pedra que foi o franquismo para facer agromar nelas iniciativas como a editorial Galaxia ou a revista Grial. As aventuras intelectuais que emprendeu Don Paco foron o mellor substrato para que florecese a normalización do galego que chegou coa democracia.

Don Paco converteuse nun dos grandes padriños do galeguismo cultural gracias ao seu inusitado carácter. Foi un hedonista impenitente, de esmagadora simpatía, amigo do bo beber e do bo comer. Sobre a mesa que mantivo en moitos locais de hostalería viguesa, os mellores froitos do noso mar sempre alimentaban as conversas máis elevadas sobre o divino e o humano.

Esas ganas de vivir non eran en ningún caso contraditorias coa súa infinita capacidade de traballo, plasmada en libros, ensaios, conferencias e artigos, nos que asinou e nos que non. Con esa enerxía e disciplina foi editor, cazatalentos e, en palabras de Ramón Piñeiro, o “ministro de Exteriores da galeguidade”, pois exerceu como gran nexo de unión entre os intelectuais do interior e os que se viran forzados a tomar o camiño do exilio.

Este Día das Letras Galegas de homenaxe a Francisco Fernández del Riego é unha excelente ocasión para reivindicar o seu xeito de exercer a defensa da lingua e a cultura. Un galeguismo amable, integrador, xeneroso e aberto. Unha maneira de entender o noso como punto de encontro. O labor discreto de Don Paco e doutros moitos dos seus contemporáneos foi fundamental para que o galego non sexa hoxe motivo de disputa, senón xermolo de consensos.

Unha obra recente di que era un home “que valía por mil”. Pódese engadir que a súa figura inspirou a milleiros de galegos que, día a día, afondan nese renacemento da nosa cultura que Don Paco promoveu.