Era o ano 1963, e presidía a RAG Sebastián Martínez Risco. Serva este parágrafo para o que ven: Francisco Fernández del Riego ingresou na Real Academia Galega da Língua o 26 de novembro de 1960; tres anos despois, no mes de marzo, xunto con Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, presentaron a proposta de celebrar todo-los anos o 17 de Maio tal venturoso Día adicado a Rosalía de Castro, proposta que foi aprobada por unanimidade, xa que en marzo de 1863 había cen anos que Rosalía de Castro publicara Cantares Gallegos, na imprenta Compañel, de Vigo, intre no que entón a Academia estaba ubicada no Pazo Consistorial de María Pita. Deste xeito decidíuse adicarlle ese mesmo ano de 1963 a Rosalía. “Consideraban que o libro editado en 1863 foi a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea na historia da renacencia cultural de Galicia”. Logo veu Castelao, Pondal, Añón, Curros Enriquez, Florentino López Cuevillas, e así sucesivamente ata o día de hoxe, no que lembramos ao noso vello amigo Francisco Fernández del Riego, con extensa e admirable obra.

Fernández del Riego de aquí para acolá

Sen esquecer aquí hoxe o meu persoal agradecemento tanto as suas palabras como a sua amizade, polo feito de terme en conta e incluirme no Diccionario de Autores Galegos, así como o prólogo que redactóu para o meu libro Contra o tempo: “Os artigos que Manuel Vidal Villaverde escolmou para este volumen, constitúen unha asociación de imaxes, de temas, de sensacións, tecida con orixinais fíos literarios. Non consenten os breves traballos, de feitío periodístico, a crítica de disección. Aceptan máis ben, a glosa poética. Aínda que o autor os escribiu en prosa, un halo de poesía nimba a maior parte deles no enfoque das figuras e dos ambientes tratados…”. “Na penumbra do libro, se se nos permite este xeito de expresión, parece como se escoitaramos a voz dos protagonistas. Unha voz mediatizada, xa que logo, pola visión de quen o presenta. Mergúllaos este no ambiente que lles é peculiar, e abocétaos na glosa coa que os pon ao descuberto. Porque o de Vidal Villaverde non é o apoteósico realismo fotográfico, senón o deseño poético dunha valoración persoal”.

Outrora neste Día que celebramos a Del Riego, quero lembrar que estiven con el na vella Penzol, ubicada no número 24 da rúa Policarpo Sanz, nunha noitiña do mes de abril do ano 1974, cando un estaba preparando traballos para Gallaecia, revista que editaba a Facultade de Xeografía e Historia da USC. Estaba atendéndome a bibliotecaria Olga Gallego cando chegou Don Francisco Fernández del Riego, e axudóunos a resolver o que eu necesitaba. Dende entón e ata a súa morte non deixamos de ser amigos. Hoxe, este 17 de Maio celebramos o seu Día e desexamos que xamáis se esqueza a súa magnífica obra, e outras lembranzas vizosas, tanto para el coma Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román por se sumar á proposta de Fernández del Riego, o noso querido e inesquecibel amigo.

P.S. Breve bibliografía. “A miña primeira Rosalía”, Xerais 2013. Edición de Xiana e Xosé Lastra. “Contra o tempo”, Laiovento 2003. Manuel Vidal Villaverde