Segunda Feira

Dúas modestas proposicións

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Ás portas das eleccións municipais, atrevémonos a lles ofrecer ás candidaturas nacionalistas e de esquerda en presenza, dúas proposicións que pensamos que estean na mente de moitos particulares de Galicia. A primeira refírese á posta en vigor, simultaneamente e en todos os concellos, de entidades do tipo das que, na lei portuguesa de autarquías, reciben o nome de “freguesias” e que, os casteláns soen chamar “pedanías” ou, en plan formal, “distritos”. A creación de tales unidades básicas, e so o nome de “entidades locais menores”, vén sendo posíbel en España, e en Galicia, desde a Ditadura de Primo de Rivera a hoxe.

Así e todo, só se achan en funcionamento, entre nós as seguintes (todas agrupadas no Suleste de Galicia): Os Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso-A Portela (Mondariz). Elas acadaron esta autonomía municipal antes da instauración do actual réxime monárquico. Castelao e o Partido Galeguista (máis tarde a UPG e as esquerdas nacionalistas) situaron a parroquia ou fregresía administrativa no centro do catálogo das reivindicacións patrióticas de Galicia. A realización de tal reforma vén sendo amparada polas sucesivas leis de réxime local, así polas españolas coma pola autonómica galega. Sen embargo, gobernos municipais de esquerda e nacionalistas teñen ignorado a consigna política territorial que nos legaran as Irmandades da Fala. É tamén certo que o punto 7 da UPG orixinaria propugnaba a parroquia administrativa en todo o País como parte inseparábel da Galicia emancipada.

"Todos os concellos teñan que agruparse para conseguir o traspaso da Autopista do Atléntico ao pleno dominio do pobo galego"

A segunda proposta que nos atrevemos a ofrecerlles ás candidaturas de esquerda e nacionalistas trata da expropiación necesaria da Autopista do Atlántico canalizando a Galicia o fluxo de diñeiro dos usuarios e conseguindo a exclusión dos Fondos Financeiros que hoxe se lucran á nosa costa. Se cadra, todos os concellos de noso teñan que agruparse para conseguir o traspaso desta vía de comunicación altamente rendíbel ao pleno dominio do pobo galego. Cando se resistiron duramente as masas á construción desta autoestrada, falábase nunha “navallada” no corpo físico e socioeconómico de Galicia. Hoxe, aqueles antigos expropiadores terían que converterse en expropiados. Ao mellor non está moi lonxe a hora na que poidamos cruzar libremente o Estreito de Rande por riba da Ponte do Capitán Nemo, aquel xenio sombrío que axudaba os pobos do mundo nas súas loitas emancipadoras; sempre dentro da novela inmortal de Jules Verne.

Suscríbete para seguir leyendo