“Nosas enfermeiras. Noso futuro”

Pilar Reza*

Todos os anos desde o ano 1965 o 12 de maio celébrase o Día Internacional da Enfermaría, recordando o nacemento da precursora da enfermería moderna, Florence Nightingale, aínda que o obxectivo principal e render homenaxe a enfermeiras e enfermeiros do mundo.

Este ano o logo que nos representa, “Nosas enfermeiras. Noso futuro”, non podía estar mellor elixido. É o resultado das leccións aprendidas nos últimos tempos; agora toca abordar os retos futuros de saúde global e mellorala para todos, investindo na enfermaría, facéndoas visibles a todas aquelas persoas e organismos que toman decisións que afectan á atención de saúde, de maneira que ocupen un lugar importante na definición, deseño e funcionamento dos sistemas de provedores de saúde en temas de seguridade de pacientes, de coidados de calidade e prevención de danos .

Os cambios sociais, factores ambientais e a xenética, inflúen no aumento da esperanza de vida da nosa poboación. As persoas viven máis anos, pero a súa calidade de vida pode verse reducida polas pluripatoloxías propias da idade, o que fai necesario ofrecer unha atención integral centrada nas súas necesidades. Isto lévanos a adaptar os recursos existentes, non só os hospitalarios, senón tamén a potenciar a atención no domicilio, a atención á cronicidade, e a comunicación entre o ámbito sanitario e o social.

A formación continua das enfermeiras en novas técnicas, evidencias e a adquisición de novos coñecementos, permítenos dar unha mellor resposta ás necesidades dos pacientes. Sen dúbida nós, as enfermeiras, somos as que estamos máis cerca dos coidados, as que temos unha visión máis global das circunstancias sanitarias e sociais das persoas, podendo aportar ese valor que os sistemas de saúde necesitan para afrontar o cambio.

A figura das Enfermeiras Xestoras, Enfermeiras de Práctica Avanzada, Enfermeiras Finalistas nos procesos e Enfermeiras Investigadoras, aparece claramente como esa figura necesaria para que este novo modelo de coidados se consolide.

A enfermeira ten capacidade, formación e competencia para tomar decisións sobre a xestión de casos ou procesos, a xestión clínica, e a xestión de recursos, sempre co obxectivo de reducir tempos de atención, mellorar a continuidade, a calidade de atención, a satisfacción do paciente e por suposto a seguridade.

Nesta liña, como directora de Enfermería da Área Sanitaria de Vigo, non podo deixar de recordar a todas as categorías profesionais que dependen desta Dirección, como son as TCAE, Técnicos en Coidados de Enfermería, que son esa parte do equipo que traballa en paralelo coa enfermeira, e sen a cal non seríamos capaces de dar eses coidados de calidade e seguros que queremos para os nosos pacientes.

É fundamental o traballo dos Técnicos Superiores e Medios en todas as Áreas Centrais, aportan a técnica tras a que se fai o diagnóstico e se aplican coidados.

Acabamos de incorporar as Nutricionistas en Atención Primaria, tan importantes para a educación e control da alimentación dos nosos pacientes.

O traballo dos Terapeutas, Fisioterapeutas, Terapeutas Ocupacionais, Logopedas, non é outro que dar coidados, cando definen e aplican as súas terapias cos pacientes que o necesitan.

O meu agradecemento e os meus parabéns a todas e todos os profesionais que conforman este equipo de coidadores.

*Directora de Enfermería do Área Sanitaria de Vigo