Segunda Feira

Poliedro

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

No Brasil gañou Lula e Dilma Rousseff, moi odiada polo Imperio, pasa a dirixir o Banco do BRIC. Isto é: ela convértese en coordinadora dos movementos económicos do Brasil, Rusia, a India, China e Sudáfrica destinados a suprimir a hexemonía do dólar no Mundo. A resistencia das nacións ao dominio dos EEUU faise máis e máis evidente. Ver unidos, darredor de Dilma, economías tan poderosas coma a dos estados que se citaron fala en algo que xa está a ser chamado Nova Maioría Mundial (entre nós, por Alberte Blanco Casal). Tal maioría négase a apoiar aos EEUU na crise conflitiva de Ucraína.

Ao culminar o “désastre obscur” que supuxo o esboroamento do sistema de socialismo real no Leste, o Imperio galeou, triunfante, que a Historia, tal coma a comprenderamos, finara xa en canto a globalización abría un futuro perfecto de poder absoluto, dirixido polo capitalismo en modo liberal e sen posíbel discusión. E todo hexemonizado nos EEUU. O mundo ía ser por sempre “unipolar”, o que supón un imposíbel xeométrico. A defección de Gorbachov, rematada por Yeltsin, daba paso, tamén, á fin do pensar filosófico e á sumisión da ciencia aos fondos monetarios sen rostro. Co enforcamento de Saddam Hussein en Irak e a tortura e morte de Gaddafi en Libia, o destino dos pobos vencidos cobraba a imaxe dun escarmento marcado de feroz atavismo.

"A sensación do perigo de guerra mundial aniquiladora inza nas subxectividades"

Hoxe non é así. Mesmo a fabricación do “monstro Putin” non ten a acollida acrítica que os servizos de propaganda norteamericanos agardaban. Neste intre, algúns dos países máis ricos do mundo (BRICS) e moitos outros de dimensións medias, pequenas e minúsculas, refusan enrolarse na cruzada imperial. E técense, por veces invisibelmente, redes de resistencia diplomática aos ditados do Imperio en todos os continentes. Pero a sensación do perigo de guerra mundial aniquiladora inza nas subxectividades. O medo á extinción da Humanidade e á catástrofe existe. E sinais coma o nomeamento de Dilma Rousseff nas BRICS e máis a neutralidade de moitos países xera a esperanza de que unha terceira guerra mundial, a semellanza da de Troia no teatro de Giradoux, nunca chegará a estoupar.

O Dereito de Autodeterminación dos Pobos favoreceu o nacemento de novos estados sobre a face da terra no pasado século. O proceso certamente, non se detivo. Parece que a maioría, para saír da actual crise, desexa que siga manténdose a tendencia e se xeneralice un réxime de cooperación xeral. Os alicerces dunha era de coexistencia pacífica (vello concepto de orixe soviética que hoxe se revolve no seu sepulcro) queren facerse realidade. Todo comenzaría cun acordo de paz entre os implicados en Ucraína seguido da instauración dese equilibrio internacional cuxa imaxe se asemella de noción de poliedro. Ou de multilateralidade. O presidente Lula anda estes días por Portugal e España, mans á obra.

Suscríbete para seguir leyendo