Voyager

Contrabando de flocos de millo en Vigo

Ledicia Costas

Ledicia Costas

A agardada película de Súper Mario Bros estreouse o pasado 5 de abril, ás portas da Semana Santa. Unha data que non semella casual, pensada para encher as salas durante as vacacións. A xogada foi redonda: bateron récord de vendas de entradas con 377 millóns de dólares na semana do lanzamento, superando o éxito de Frozen II, filme que no seu día destronara a Toy Story 4. O primeiro videoxogo de Súper Mario Bros viu a luz no 1985. Os fans da saga tivemos que agardar 38 anos para ver os fontaneiros máis famosos do mundo na gran pantalla de maneira digna, despois da desfeita daquela aberración de imaxe real de 1993. Vivín a estrea coma unha conta atrás. O plan era ir ao cine en Vigo e escollemos os Yelmo do Centro Comercial Vialia. Encantoume chegar alí e atopar xente disfrazada dos personaxes. Vin nenos vestidos de Peach, nenas enfundadas en traxes de Luigi, pais disfrazados de Bowser... Un cosplay que non sei ata que punto foi improvisado, pero que desde logo contribuíu á sensación de que estabamos vivindo un momento único. A produción de Universal e Illumination fíxonos rir, berrar e, sobre todo, ser felices. A sala estoupou varias veces en gargalladas e aplausos. A película está chea de chiscadelas e referencias que só podes gozar ao 100% se es fan de Mario. Pero quen non é fan de Mario? A mascota de Nintendo por excelencia, o rei das plataformas, o irmán máis leal. Creo que o que máis me gustou da película foi o traballo coa música e os efectos de son. Porque non é o mesmo comer un cogomelo vermello e facerse grande, que meterse nun tubo verde, ou romper un bloque de ladrillos coa cabeza. O mundo simplemente soa diferente dependendo do que fagas. O que máis me gustou da película? Bowser, o rei dos Koopas. Unha criatura á que lle teño desde sempre bastante manía porque a súa obsesión principal sempre é secuestrar a Peach e casar con ela contra a súa vontade. Pero, sorpresa! A Peach de 2023 non é unha princesa pasiva. A Peach de 2023 é simplemente a bomba. O tema máis brillante da película na versión orixinal interprétao Bowser na voz do colosal Jack Black e, como non, titúlase ‘Peaches’.

Á saída, aínda coas emocións a flor de pel, observamos que había un carriño na entrada, no punto de acceso ás salas. Estaba cheo de refrescos, paquetes de flocos de millo e larpeiradas. “Requisaron todo iso? Non pode ser”. Ao chegar a casa, as redes confirmaban as sospeitas. Os cines Yelmo prohibiran o acceso ás salas con alimentos ou bebidas adquiridas fóra. É certo que nas instalacións podes mercar de todo, como tamén é certo que os prezos establecidos pola empresa son, en moitos casos, prohibitivos. Na web de Facua recollen que os cines non poden acollerse á reserva do dereito de admisión porque non son establecementos de hostalería e, o feito de ter como servizo complementario o de hostalería, non cambia a condición determinada pola súa licenza de apertura. De feito, Facua denunciou á compañía Yelmo en varias comunidades por esta mesma razón. O cine debe ser un lugar de goce e a ninguén lle apetece ter que pedir unha folla de reclamacións para denunciar unha práctica que restrinxe a capacidade da clientela de decidir onde mercar as súas consumicións. Entendo que necesitamos que o Instituto Galego de Consumo estableza un criterio e, sobre todo, chegado o caso, que vele polo seu cumprimento. Por certo: eu, que ignoraba a prohibición da compañía, levaba flocos de millo na mochila. Ao saír sentinme coma unha contrabandista.

Suscríbete para seguir leyendo