De bolina

Os fillos (e os netos) das mulleres

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Como sen dúbida coñecen todos os –sempre moi amables– lectores destas crónicas semanais, andaron enredadas nos pasados días, e continúan aínda a facelo na hora presente, as xentes deste país de países respecto dos pormenores varios que rodean a chegada a este planeta de Ana Lequio Obregón. E é que, de certo, na temática do denominado “embarazo subrogado” veñen entremesturarse apartados que envolven a ciencia médica e mais a xurisprudencia como incumben así mesmo os eidos da ética, da psicoloxía e das emocións e aínda aqueloutros referidos ao territorio das liberdades individuais. Así e todo, sucede que unhas cantas (acaso demasiadas) veces, as estimas vertidas no caso de Ana Lequio xurdiron –e xorden– contaminadas xeira polo amor/desamor que a súa “avoa legal” –ou o que queira que veña resultar finalmente a Sra. García Obregón– suscita no conxunto da opinión pública, xeira, e cómo non, pola intencionalidade ideolóxica de quen emite tales ditames. Xa que logo, e por máis que o debate manifeste pasaxes tranversais –de feito, contemplamos pareceres encontrados entre persoas situadas nunha mesma banda–, verdade é que si que podemos establecer dalgún xeito dous elementos emerxentes: así, desde os sectores da esquerda inciden de forma especial no episodio da explotación/mercantilización do corpo da xestante –insistindo nas debilidades da súa condición socio-económica– mentres que no lado da dereita máis neoliberal acoden, lixeiros arreo, ao ámbito dos dereitos que han de asistir a cada persoa nun estado democrático frente á, para eles, moi indesexable inxerencia dos gobernos.

Deixou escrito Terencio aquilo de homo sum, humani nihil a me alienum puto (“son un home, nada humano me resulta alleo”); porén, o criterio neoliberal esquece, ou pretende esquecer, que unha democracia –o conxunto de homes e mulleres que habitan nela– vén definirse, en realidade, tanto polo que considera permisible como por aquilo que proscribe, toda vez que o Estado non pode permanecer neutral segundo qué clase de tesituras. Eis, por exemplo, o seu deber de impedir –e penalizar– as discriminacións por razóns de sexo, idade, raza…; paralizar –e sancionar– a práctica da tortura policial; imposibilitar –e castigar– a explotación infantil ou actuar decontado cando un grupo de voces privilexiadas se apodera, ou busca apoderarse, do espazo público, evitando a opresión dun “efecto silenciador” sobre o resto da cidadanía.

Coido ben que todos habemos de coincidir en aprezar que os nosos proxenitores teñen o dereito/deber de exerceren sobre nós a patria potestade até o momento de emanciparnos. Mais penso asemade que tamén estaremos de acordo en que semellante goberno non significa, non obstante nin moito menos, que os fillos veñan conformar un capital calquera sobre o cal os seus maiores poidan actuar con enteira soberanía (por exemplo, ningún pai/nai pode decidir non escolarizalos e/ou que non reciban asistencia médica). En fin, entendo que habemos de partillar aínda que non se pode admitir –como si acontece, desgrazadamente, en certos lugares– que uns pais vendan as súas fillas para estas contraeren matrimonio co mellor postor. Xa que logo, se alguén se atrevese a levar a termo unha acción tal na nosa sociedade, infiro que todos e todas aceptaríamos que o Estado democrático ten de intervir de inmediato.

"Non se pode admitir como epítome da liberdade a legalización dun mercado onde se veñan intercambiar, vender/comprar nenos e nenas"

Pois ben; nas características do procedemento do “embarazo subrogado” si que devén diáfano –precisamente, e por moitas bágoas filantrópicas que se derramen– un exercicio sen límites nin contornas desa (suposta) categórica propiedade paterna. Porque o que de veras sucede, é que nos vimos situar aí perante dun proceso de intercambio/troco, cando non de pura e dura compra-venda, de seres humanos por completo indefensos: a muller xestante –e máis aló da falsa controversia arredor de quen veña ser a “verdadeira nai” do meniño/a; en todo caso, falamos/escribimos respecto do ventre dunha muller, non dun mero colector ou depósito– está a transferirlles a outras persoas, de xeito contractual privado, o resultado da súa gravidez en razón dun (presunto) absoluto dominio sobre o mesmo. E tanto ten que leve a cabo a xestación de xeito altruísta: ocorre que ninguén pode enaxenar, ou regalar, aquilo que non é seu. Segundo o neoliberalismo rampante, trátase da “liberdade das persoas”; pregunto(me): e a do rapaz/rapariga… onde queda nesta feira? Quen se ocupa dos seus dereitos inalienables?

Non; se trata de perseguir, alcumar ou estigmatizar a ninguén nin de dubidar tan sequera da (boa) intención daqueles/as que devecen converterse en pais mediante o método que estamos a comentar. Agora ben; de veras pretenden que admitamos como epítome das liberdades, e dun “moderno pensamento”, a concreción dun mercado –porque cara a iso camiñamos, queiran non queiran, refuten e neguen– de nenos e de nenas? Utilizarmos a natureza para o ben común e acudir á ciencia para tal fin, tal conforma unha actitude plausible. Subvertela apenas para o propio proveito, constitúe de seu un ecocidio inaturable.

Suscríbete para seguir leyendo