Opinión | Segunda Feira
O banquete do Roma
Acaba de saír do prelo un libro de que é autor Luís Gonçales Blasco “Foz”: ‘Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego’, Xerais, Vigo 2023. A súa lectura faime revivir, alén doutras cousas, un acontecemento de alta relevancia na historia contemporánea de Galicia: o banquete de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que se celebrou no hotel Roma de Ourense o 15 de maio de 1965. O poeta estaba a punto de embarcar rumbo a Caracas para alí se converter en funcionario da Irmandade Galega, e a UPG, con Lois Soto en función executiva, organizou aquela homenaxe que, con carácter nacional, intentou acumular varios contidos, incluído o básico de afecto e admiración que vastos sectores da sociedade sentían polo autor de Longa noite de pedra. Procurábase unir isto, no acto, á solidariedade cos veciños do Ribeiro do Miño en loita desigual contra Fenosa. Como fío condutor argumental, a vindicación nacional galega, que resistía ao franquismo. As tarxetas do convite levaban impresos versos belísimos dun poema de Celso Emilio que comeza: “Ergueremos a Espranza / sobre esta terra escura / coma quen ergue un facho / nunha noite sen lúa”.
“Estiveron presentes no xantar unhas 250 persoas e foron recibidas 1500 adhesións”
Estiveron presentes no xantar do Roma unhas 250 persoas e foron recibidas arredor de 1500 adhesións individuais e colectivas. A iniciativa do acto e a súa execución, pois, foi obra da UPG, unha organización, aínda moi nova, que deixou abertas as portas da participación a toda as persoas democráticas e galeguistas. Negou o seu apoio á iniciativa, o galeguismo que se pretendía hexemónico (Ramón Piñeiro definiu o acto coma unha “trapallada demagóxica”). Pero foron varios os membros e simpatizantes do PCE que formaron parte do acontecemento. Daquela, Celso Emilio Ferreiro era membro da dirección da UPG, e a despedida emocionada tinxiuse de cores radicais antifeixistas. Ondearon bandeiras soñadas contra a ocupación das terras, identificando Fenosa co capital monopolista de Estado.
Asistentes de Castrelo de Miño leron un manifesto que resultou aclamado. Lémbranse coma oradores Otero Pedrayo, Tovar, Blanco Amor, Castroviejo, Emilio Álvarez Blázquez, Alonso Montero e os estudantes composteláns Arturo Reguera e Josefa Román. Cando Emilio Álvarez Blázquez pronunciou o nome de Alexandro Bóveda, a concorrencia aplaudiu feramente posta en pé. Otero Pedrayo recibiu parella ovación ao referirse, no seu peculiar rexistro caricaturesco, ao “feudalismo hidroeléctrico de Fenosa”. Todos os oradores se renderon a Ferreiro demostrándolle a súa devoción de lectores entusiastas. Luís Soto exerceu de mantedor e condutor. A BPS, que en Galicia dirixía José Ramón Piñeiro, detivo a Luís Soto e expulsouno fulminantemente do territorio español xa que el era cidadán mexicano. E axiña estouparían os sucesos de 1968 e 1972...
Suscríbete para seguir leyendo
- «Premios» contra el absentismo: la industria gallega pacta pluses de 2 euros al día o 700 al año por no faltar al trabajo
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- Vecinos de Ons paralizan los primeros desembarcos del día en protesta por no poder celebrar su fiesta
- Estabilizado el incendio en Moaña junto a la Autovía do Morrazo, en cuya extinción participan dos avionetas, un helicóptero y numerosos medios terrestres
- Cangas multará de forma directa y sin actuar subsidiariamente a los propietarios de fincas sin limpiar que sean reincidentes
- Paco y Carmen, el matrimonio centenario de Nigrán que murió en unos días
- De una valla de ocho metros al «sí, quiero»: Patricia y Rubén ya son marido y mujer
- Tres centenarios al mes pasan por los quirófanos del Chuvi, nueve veces más que hace una década
