De bolina

‘Més que un club’

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Coido que foi Jacques Chaban-Delmas –primeiro ministro durante a xeira Pompidou e presidente logo da Asemblea Nacional da República Francesa– quen, cara ao final dos seus días e preocupado pola traxectoria que estaban a trazar os asuntos do país veciño, foilles advertir aos seus concidadáns e concidadás –cabe pensar que o apercebimento devén extensible para tutti quanti– de que, se Francia quería retornar ao bo carreiro, cumpríalle ben e canto antes que os xendarmes actuasen de veras como xendarmes; que a Igrexa católica se parecese realmente á Igrexa católica; que o Partido Comunista devise arreo o Partido Comunista; que os médicos e profesores se comportasen como médicos e profesores en toda ocasión…; en fin, que as baguettes mantivesen sempre a forma e mais o sabor das propias baguettes.

Non consta, certo é, que M. Chaban-Delmas incluíse na súa listaxe de esencialidades as artes balompédicas. Así e todo, outro moi ilustre pensador do século pasado, D. Vujadin Boskov –adestrador que foi da Selección iugoslava, do Feyenoord, do Nápoles…e, xa por aquí máis perto, do R. Zaragoza e mais do R. Madrid–, sentenzou da súa parte que “fútbol é fútbol”. Ou o que vén resultar o mesmo: que para alén de fóras de xogo que nin resultan ser fóras nin tampouco xogo; máis aló de goles fantasmas e espectros e parasicoloxías varias; nos lindes do medo do porteiro ante o penalti…, acontece que, ao cabo, a pelota –o “esférico”, vaia– entra ou non entra na portería contraria e velaí a única, toda, a clave verdadeira do “deporte rei”. O resto? O resto son portadas “impactantes” e locutores estrela arengando nos micrófonos da radio e/ou nas pantallas da TV, leria de tute e dominó. Ou, polo menos, iso é o que sempre coidaron –e/ou coidan aínda– os afeccionados de alma, afouteza e corazón. Xornada a xornada; partido tras partido.

Porque é o caso de que xendarmes, médicos e mestres deviron discutibles e discutidos; de que o Partido Comunista está morto e enterrado –aínda que ninguén poida afirmar, non obstante, que se encontra gran cousa de saúde–;de que a Igrexa católica –ou unha parte importante dela– nin parece igrexa nin tampouco transita moi católica que digamos, e de que as baguettes, e de acordo con certos gurús da postnutrición, non levantan cabeza perante a santa inquisición da glucosa e/ou do colesterol rampantes. Xa que logo, todo finou? Parafraseando o verso de Manuel Antonio: oh milagre! O fútbol aínda está –estaba– aí.

“Segundo a doutrina Von Clausewitz, o fútbol vén ser a continuación da política por outros medios”

A lotería nacional e mais a liga. De acordo: verdade é que sempre foron uns cantos, bastantes… –ou mesmo moitos– os/as escépticos,recelosos, mixiricas e suspicaces a desconfiaren respecto da completa licitude e transparencia de ambos os procesos. “Sempre lles toca aos mesmos” ou “sempre cae nos mesmos lugares”, argumentaban/argumentan os rebeldes, volterianos e revoltés diante da (falta de) imparcialidade de bombos e bólas. “Os árbitros sempre se trabucan a favor dos fortes, nunca dos débiles”; “buscan acadar nos despachos o que non son quen de gañar no campo”, dictaminaban/dictaminan á súa vez os seareiros nas bancadas e/ou na tertulia do bar ad hoc. Porén, tamén é o caso de que nin sequera aqueles/as máis incrédulos de entre os tales se atrevían, chegados a ese punto, a dubidaren do cántico seráfico dos cativos e cativas do Colexio de San Ildefonso nin tampouco a poñeren reparos decisivos á xustiza final dos marcadores no remate de cada temporada futbolística. Traducido: os números da sorte e mais o deporte como auténticas reservas do xusto, do regulamentado. Do que é –ha de ser sempre e mais despois– cousa legal.

“¡Así, así gana el Madrid!” Considerando, segundo eles, que España “ens roba” tamén no céspede dos estadios, eis que certos espelidos dirixentes do FC Barcelona, e como andan a informar oportunamente os diferentes medios día si e día tamén, decidisen actuar en consecuencia. De aí, daquela, que, en contundente aplicación da doutrina Helenio Herrera –“a mellor defensa é o ataque”–, optasen por pasar decontado á ofensiva. Iso si; unha ofensiva digamos que “preventiva” perante dos (supostos) manexos e tropelías mil por parte do inimigo; máis en concreto, cabe pensar que do sempiterno inimigo “merengue”. Rivaldo, Eto’o, Ronaldinho, Xavi, Iniesta…, Messi? Moito mellor poñeren todos os ovos na máxica cesta de José María Enríquez Negreira.

“Pero… a que vén o do medo a que lles roubasen…? Iso é mesturar o deporte coa política!”, obxectarán algúns. Meus e miñas: non afirmou xa Carl von Klausewitz algo parecido a que “o fútbol significa a continuación da política por outros medios”. E, ademais, e como resulta máis que sabido, non acontece asemade que Barça “es més que un club”?

Suscríbete para seguir leyendo