As mulleres emigrantes galegas

Como resultado dun dos debates máis acaídos da Asociación Cultural Pertenza, publicamos en FARO (28-5-2020) o artigo A Galicia Atlántica: épica da emigración galega, unha experiencia migratoria, titánica e colectiva duns heroes e heroínas claves na Historia de Galicia, e que mellor explican a nosa identidade.

Luís Seoane e Valentín Paz Andrade afrontaron a emigración como unha cuestión épica e recentemente son destacadas as importantes achegas dos profesores R. Villares, X. M. Núñez Seixas, L. Fernández Prieto, M. P. Cagiao Vila, M. X. Lama ou O. Rey Castelao, entre outros moitos autores e autoras arredor do fenómeno migratorio.

No mencionado artigo, falabamos da falta dese Museo da Emigración Galega (MEG), que dese conta da historia das nosas emigrantes, tal como os irmáns irlandeses fixeron co seu Museo da Emigración Irlandesa en Dublín, e como imaxinabamos que nunha das súas salas estivese dedicada os emigrantes impulsores e benfeitores de Vigo: Ramón Nieto, García Barbón, Policarpo Sanz, Martín Echegaray, Sanjurjo Badía, Alonso Martínez, Romero Caballero, Manuel Núñez, Tomás Paredes...e tantos outros.

Porén, a investigación das mulleres emigrantes a América, nos séculos XIX e XX nas súas etapas masivas (1870-1930 e 1946-1960), foi a historia das grandes esquecidas, que a penas tivo en conta a importancia de coñecer o por que, como, desde onde e cara onde se moveron.

O libro El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la Edad Moderna, de Ofelia Rey Castelao, editado pola USC (2021), Premio Nacional de Historia 2022, propón unha visión actualizada sobre a relación entre as mulleres, a mobilidade e as migracións en España, desenvolvida no Club FARO (6-2-2023), analizando e investigando a mobilidade feminina e os seus factores (familiares, económicos, culturais) as modalidades (libre, semi libre e dependente), a estabilidade, así como o seu sedentarismo, e o efecto das migracións masculinas nas mulleres que quedaban o fronte da familia, casas e traballos.

Rey Castelao, tal como apunta Mar Mato na recensión de FARO (7-2-2023), parte da idea inexorable que empurra a determinados pobos a emigración, o caso de Galicia, a través das leis Ravenstein: nun territorio migratorio emigran todos. As mulleres contrariamente aos homes non ían a procura do enriquecemento senón da subsistencia. Migraban porque precisaban un traballo, séndolle mais difícil ás mulleres da costa porque os maridos estaban regularmente ausentes do fogar, de forma permanente ou temporal, tendo que asumir o rol de cabeza de familia, e os custes que provocaban, combinando a agricultura de subsistencia con outras actividades secundarias.

A emigración feminina da Idade Moderna contempla catro tipos: a emigración da miseria: mulleres pobres do rural que van ás vilas pedir esmola ou mulleres maiores que precisan vivir da asistencia pública; a emigración do pan: mulleres novas que emigran para buscar traballo, moitas delas no servizo doméstico; a migración da vergoña: mulleres embarazadas, solteiras, casadas ou viúvas, que marchaban para ocultar o embarazo; as mulleres ricas, nobres ou burguesas, que tamén emigran.

As mulleres móstransenos como axentes históricos activos nos seus desprazamentos, que non só soportaron as consecuencias da migración masculina, senón que trataron da búsquea de solucións ás circunstancias nas que se atopaban. Adaptadas os lugares de acollida, como traballadoras foron portadoras de prácticas culinarias, xogos para nenos, vestimenta, etc., como foi o caso das mulleres que migraron a América, na época colonial.

A través da demografía, a historia económica e social, laboral e mesmamente emocional, Rey Castelao desentraña a invisibilidade das mulleres a través dunha investigación rigorosa utilizando todo tipo de rexistros (eclesiásticos, lexislacións xerais ou municipais), combinados con diarios, correspondencias, textos literarios, etc. Por outra banda, a decisión de migrar tivo que superar non poucas barreiras, tanto políticas como económicas, sociais ou relixiosas, sumadas ás barreiras lingüísticas e culturais confrontadas aos niveis de alfabetización, e a existencia de fronteiras que precisaban cruzar.

*Psiquiatra e psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Tracking Pixel Contents