Acción Solidaria + Suscripción Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

A cidade olívica

Sempre que por traballo paso tempo fóra da casa acompáñame unha estraña sensación de irrealidade. Nesta ocasión foron tres semanas en Andalucía, na provincia de Xaén, visitando escolas da contorna. Viaxei de vila en vila, desde Úbeda ata Fuensanta de Martos, de Baeza a Linares. E, como non podía ser doutro xeito, visitando os baños árabes atopei unha familia de Ourense, porque hai galegos ata nunha das puntas da lúa crecente. O que máis me impactou de Xaén foi a paisaxe. Porque se ben é certo que cando alguén di “Xaén” automaticamente unha pensa en oliveirais, nunca imaxinei o rotunda que é a súa presenza. Invádeno todo, unhas seiscentas mil hectáreas. Máis de setenta millóns de oliveiras poboan a provincia que produce o 20% de aceite de oliva do mundo. A oliva e os seus derivados son unha relixión e unha exquisitez. En calquera negocio de alimentación, sexa unha pequena tenda ou un hipermercado, o aceite é o produto estrela, envasado en frascos que semellan de perfume ou dunha bebida alcohólica sofisticada. Mentres viaxaba dunha vila a outra, observando a sucesión interminable de oliveiras, pensaba que semellaban estar á espreita, coma se tivesen unha vida secreta, igual que os Ents, unha das razas máis antigas da Terra Media creada por Tolkien. Esas árbores humanizadas lideradas por Bárbol que se unen a Merry e Pippin despois de que Saruman destruíse parte do bosque. De verdade que dicía para min: “Estes en calquera momento botan a andar e arrasan con todo”. Tamén pensaba en Vigo, e non pola morriña. Por momentos entrábanme tentacións de contar que leva o sobrenome de cidade olívica, pero que pudor. Non tiña máis que ver ao meu redor, coas oliveiras sucedéndose ata onde alcanzaba a vista, para frear. A oliveira é a árbore que máis se estila nas rotondas viguesas. Si, sei que tamén está no escudo, a carón do castelo de San Sebastián, replicando o esculpido na Fonte de Neptuno que estivo emprazada na Porta do Sol ata o século XIX. Por certo: se queren ver os restos desa fonte non teñen máis que visitar o xardín inglés do Pazo-Museo Quiñones de León. A escultura de Neptuno emerxe no centro do estanque. Din que os templarios plantaron entre os séculos XII e XIII unha oliveira onde hoxe está a Colexiata de Santa María e que durante a celebración da Reconquista, no 1813, estoupou a polvoreira do Castelo de San Sebastián afectando á igrexa e parte da árbore, que daquela tiña unhas dimensións impresionantes. Un fillo da oliveira orixinal foi transplantado ao Paseo de Alfonso no ano 1859. Imposible non atopar un paralelismo coa historia de Groot, a árbore antropomórfica que en “Guardianes de la Galaxia 2” sofre un accidente. A nosa oliveira é o bebé Groot, descende da orixinal e agora medrou e preside o miradoiro máis impoñente da cidade cun enreixado de ferro fundido feito en Vulcano e unha placa que di: “Dentro de esta verja, ofrenda de los vigueses a su árbol simbólico, queda hoy depositada por ellos la promesa firme de su amor, su lealtad y de su abnegación por la ciudad amada”. Remato este artigo en Vigo e aquí si que non sinto ningún pudor ao dicir que esta é a cidade olívica.

Compartir el artículo

stats